Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/06/2025 | Actualizada ás 16:03
O secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, anunciou que o Goberno estuda implantar unha rede de trens de proximidade en Galicia, cun estudo de viabilidade xa en marcha para conectar o corredor entre A Coruña e Vigo. Tamén avanzou que se están buscando fórmulas para mellorar as conexións ferroviarias de Ferrol, e que a alta velocidade, tras uns "meses para esquecer", ofrece hoxe un servizo "moi satisfactorio".
En canto aos abonos gratuítos, Santano explicou que a partir do 1 de xullo manteranse os descontos: os menores de 14 anos viaxarán gratis, os mozos de 15 a 26 anos terán unha rebaixa do 50 %, e o resto da poboación poderá beneficiarse de abonos con tarifas planas e bonificacións do 40 %. Ademais, continuaranse as axudas ás comunidades autónomas e concellos.
Sobre infraestruturas, sinalou que a inauguración da nova estación intermodal de Santiago chegará antes do verán, mentres que a A-54 entre Santiago e Lugo estará finalizada antes de que remate 2025. Tamén recoñeceu que hai marxe de mellora no mantemento de estradas en Galicia, pero defendeu o forte incremento do investimento en conservación nos últimos anos.
Preguntado polas relacións coa Xunta, Santano negou ter noticias dunha solicitude de reunión co ministro Óscar Puente e criticou o "uso partidista" que, ao seu xuízo, fai o Goberno galego das infraestruturas. Sobre o traspaso da AP-9, afirmou que o Executivo non se opón ao debate, pero cuestionou se a Xunta asumiría o gasto actual de máis de 330 millóns en bonificacións. Tamén evitou falar de condonación da débeda do Porto da Coruña, por non ser terminoloxía axeitada na relación con Portos do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.