Tribunais.- Fiscal pide sobresemento da causa contra catro acusados de estafar unha incapacitada en Vigo

O ministerio público entende que non houbo engano senón "apoderamento sen a vontade do posuidor"

VIGO | 13/11/2016 | Actualizada ás 17:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Fiscalía pediu o sobresemento da causa contra catro acusados, que serán xulgados o martes e o mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, por un suposto delito de estafa, denunciado por dous sobriños por enganar ao seu tío incapacitado para que puxese unha propiedade ao seu nome.

Segundo o escrito de sobresemento do ministerio público, os sobriños de D.A.G.B. presentaron unha querela contra J.M. e I.A.S., J.M.C.A., e J.M.R.C., por un presunto delito de estafa, consistente no abuso do estado de deterioración cognitiva do seu tío, cando este estaba ingresado no antigo Hospital Xeral de Vigo, en xuño de 2007.

Segundo os querelantes, estas persoas aproveitaríanse do estado do home para conseguir que este asinase, aínda sen capacidade de obrar, un documento privado de cesión de bens por alimentos en favor de J.M e I.A.S. Este documento foi utilizado polos acusados no expediente de inmatriculación dun terreo e unha casa situadas en Forcarei (Pontevedra), dous días antes de que falecese D.A.G.B.

Non obstante, a Fiscal sostén que, para que existe o delito de estafa deben darse varios elementos: o engano bastante, desprazamento patrimonial, relación causal entre ese engano e o acto de disposición patrimonial, e ánimo de lucro.

Dende o seu punto de vista, queda acreditado (por informes clínicos e forenses) que o home enfermo non tiña capacidade de comprensión e, polo tanto "non se pode enganar a quen non pode ser enganado". Nese caso, produciríase "un simple apoderamento sen a vontade do posuidor".

SOBRESEMENTO

Ademais, dáse a circunstancia de que o expediente de inmatriculación do terreo e a casa foi arquivado en 2011, porque o falecido non era titular dos bens no momento do contrato e porque, en última instancia, os beneficiarios non cumpriran a obriga de prestación de alimentos que o documento de cesión lles impoñía.

Así as cousas, o ministerio público solicita o sobresemento provisional da causa en relación cos catro acusados, sen prexuízo de que se deben exercitar as accións pertinentes ante a xurisdición civil para a declaración de nulidade do contrato.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta