Unha web recolle o patrimonio inmaterial da raia

O estraperlo, os afiadores ou os xogos tradicionais, constitúen parte deste material que escolas galegas e portuguesas gardaron nun gran arquivo do patrimonio inmaterial accesible en liña.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/11/2016 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Coordinados por docentes galegos e portugueses, e convidados pola Asociación Ponte...nas ondas! milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal participaron durante sete anos nos eertames de recolla do patrimonio inmaterial. O seu traballo xa está xa dispoñible en Internet para consulta e intercambio de experiencias na web www.opatrimonio.org .

Nenos participando nu programa de tradición oral de Ponte nas Ondas
Nenos participando nu programa de tradición oral de Ponte nas Ondas | Fonte: flickr Ponte nas Ondas

As avoas María e Hortensia do arraiano lugar de Olelas contando como argallaban os contrabandistas na zona brincando coas mercancías a un e outro lugar da fronteira. Manuel e Pepe, afiadores de Arboiro, en Castro Caldelas, relatando polo miúdo sobre falas, ferramentas e coplas do seu oficio. Olinda, de Barcelos, engaiolando o alumnado coa Lenda da Moura Encantada. Firmino, de Esposende, explicándolle aos netos como é que se xoga á billarda. Dolores, de Coristanco, botando unha muiñeira. Carme, de Ribadelouro en Tui, contando a lenda do Monte de San Telmo. Albina, de Baiona, falando de ánimas, herbas curativas e contos do demo... 

 

Son milleiros de páxinas de descricións, análises, fotografías e transcricións, ademais de moitas horas de gravacións repartidas en máis de medio milleiro de arquivos de audio e vídeo. Un extraordinario traballo no que participaron ducias de escolas entre os anos 2006 e 2013, período no que as sete edicións do Certame de Recolla do Patrimonio Inmaterial convocado por Ponte...nas ondas! recibiu máis de 150 traballos de diferentes centros educativos, principalmente de Primaria e Secundaria.

Escolares e docentes participantes do proxecto de Ponte nas Ondas
Escolares e docentes participantes do proxecto de Ponte nas Ondas | Fonte: flick Ponte nas Ondas

Cada convocatoria foi acompañada doutras actividades, como sesións didácticas sobre literatura oral impartidas por narradores orais como Avelino González, Anxo Moure, Celso Sanmartín, Fátima Fernández ou Cándido Pazó, ou tamén xornadas para a formación do profesorado impartidas por especialistas en literatura oral como Antonio Reigosa e Xosé Miranda.

Varias modalidades

Os traballos elaborados polos centros educativos podían estar expresados en prosa (mitos, lendas, contos, relatos orais, trabalinguas, adiviñas, etc.) ou en verso (romances, historias, romances de cegos, coplas, oracións, recitados, refráns, etc.) e a presentación debía ser en formato dixital (audio ou vídeo). O obxectivo dos certames era a colaboración dos centros educativos de Galicia e Portugal na preservación do patrimonio inmaterial galego-portugués, así como na difusión, promoción e transmisión de expresións vivas da tradición galego-portuguesa. 

A finalidade última, así pois, é buscar o achegamento do alumnado ás manifestacións culturais inmateriais presentes no seu contorno. Entre os temas máis valorados do concurso, atopábanse aqueles que contribuísen á recuperación da memoria a través da recollida de mostras representativas do patrimonio común galego-portugués.

Na súa primeira edición, o Certame de Recolla da Tradición Oral foi precisamente unha das

consecuencias directas do proceso da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués antem, a UNESCO. Na segunda edición convidouse tamén a afondar en acontementos relacionados coa historia, as relacións sociais e políticas vividas en Galicia e no Norte de Portugal, como a represión, as ditaduras ou o contrabando na fronteira. 

O tema na terceira edición foi “Os Tesouros Humanos Vivos”, toda unha homenaxe ás persoas ou grupos que posúen en sumo grado os coñecementos, habilidades e técnicas necesarias para manter, divulgar, crear ou producir determinados elementos do noso patrimonio cultural inmaterial e que resultan indispensables para que a transmisión de coñecementos e saberes chegue ás xeracións que os suceden. Na cuarta convocatoria, o tema foi “O Tesouro dos avós”, convidando as escolas a abrírenlle a porta aos avós e as avoas para enriqueceren cos seus coñecementos a vida da nosa mocidade.

“Historias da Vida”

“ As Bibliotecas Vivas, Historias de Vida”, foi lema da quinta entrega, curso durante o que se

propuxo ás escolas integrar nas súas bibliotecas as narracións destas persoas que están no seu entorno. “Ponte a contar” foi o lema da sexta edición do certame, chamando as escolas a non quedaren alleas á necesaria labor de transmisión dos contos populares ás novas xeracións, facendo novas lecturas e interpretacións das narrativas tradicionais, adaptándoas aos novos tempos coa axuda dos medios audiovisuais. E a sétima e ata o de agora última edición do certame levou por título “Ponte a Brincar”, en referencia ao eixo durante ese curso, no que se propuxo recoller as formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento: xogos, regras e normas, xoguetes e a súa realización, adiviñas, cantigas, refráns…

Máis de vinte anos de traballo en prol do patrimonio

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora dos certames de recolla, leva máis de vinte anos traballando na divulgación e na transmisión do patrimonio inmaterial galegoportugués en diferentes actividades, como os referidos certames.

A asociación ten recibido multitude de recoñecementos, como son o da EBLUL (European Bureau for Lesser Used Languages), o Premio Galicia de Comunicación da Xunta de Galicia, o Premio Bos e Xenerosos da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o premio como Boa Práctica Iberoamericana do Ministerio de Educación e o Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués. Máis recentemente, a UNESCO ratificou a Ponte…nas ondas! como ONG consultora do patrimonio inmaterial, sendo así a única entidade galega con ese recoñecemento e unha das poucas a nivel estatal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta