Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/11/2016 | Actualizada ás 14:51
O Conselleiro de Educación acusou hoxe de mentireiros aos promotores das manifestacións e das folgas contra a LOMCE . “Eu onte escoitei algunhas consignas que non teñen ningún fundamento”, declarou Román Rodríguez ao ser cuestionado polo éxito da folga deste xoves.
"Fraco favor aos alumnos"
O mandatario carga contra as supostas “actitudes irresponsables que lanzan mensaxes catastrofistas”. Na súa opinión, os colectivos críticos coas reválidas -que son a práctica totalidade dos grupos de proxenitores e de mestres- están a facerlle un “fraco favor” aos estudantes. Rodríguez animounos a “deixar de lado actitudes partidarias” para entre todos tentar buscar un saída ao labirinto no que se converteu a derrogación da Lei do ensino do PP.
Polo de agora, este chamamento non ten eco. Dende a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público insisten en que, malia que o Congreso votou pola derrogación da Lei, “as reválidas van ter valor académico”. Ante isto, esta plataforma alerta da “fraude do goberno” por “difundir a información de que as reválidas xa son pasado mentres se se pretende lexislar en sentido contrario”.
O consenso político para substituír a LOME está lonxe
Todos os partidos da oposición -que onte participaron nas diversas mobilizacións- xa se pronunciaron a prol dunha derrogación definitiva da LOMCE e das reválidas. Tras as duras declaracións efectuadas hoxe polo conselleiro, abrir unha negociación para atopar un sistema alternativo de consenso parece, polo de agora, algo moi complicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.