Un punto no desorde

O Celta empata 3-3 co Betis un partido que comezou dominando pero no que se viu superado tralo descanso. Iago Aspas marcou os dous primeiros goles e Roncaglia firmou o empate final coa testa. Os celestes encaixaron 12 goles nos últimos catro partidos a domicilio. Reapareceu Orellana.

Por gcdeportes | Vigo | 04/12/2016 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Betis 3:
Antonio Adán; Cejudo, Bruno (Rafa Navarro, 46’), Pezzella, José Carlos, Durmisi; Petros, Donk (Felipe Gutiérrez, 70’), Dani Ceballos; Sanabria (Joaquín, 62’) e Rubén Castro.
RC Celta 3: Rubén Blanco; Roncaglia, Cabral, Fontás, Jonny; Radoja (Orellana, 52’), Marcelo Díaz (Pione Sisto, 77’), Daniel Wass; Tucu Hernández, Bongonda (Rossi, 84’) e Iago Aspas.
Goles: 0-1: Iago Aspas (minuto 15). 1-1: Rubén Castro, de penalti (41’). 2-1: Sanabria (53’). 2-2: Iago Aspas (61’). 3-2: Pezzella (73’). 3-3: Roncaglia (84’).
Árbitro: José Mª Sánchez Martínez (murciano). Expulsou por dobre cartón (25' e 92') o bético Petros. Amarelas a Donk (11’), Sanabria (59’), Felipe Gutiérrez (77’) e Pezzella (89’) no Betis.
Incidencias: partido da 14ª xornada de Primeira disputado no Benito Villamarín ante 27.241 espectadores. Minuto de silencio na memoria das vítimas do accidente do Chapecoense.

Iago Aspas celebra o segundo dos seus goles ao Betis.
Iago Aspas celebra o segundo dos seus goles ao Betis. | Fonte: lfp.es

Faltou ambición no primeiro tempo para sentenciar co 0-1 no marcador a un Betis perdido no campo. O Celta deixou revivir o rival cos seus erros defensivos, viuse dúas veces por debaixo no marcador e tivo ao final que rescatar un punto cun remate coa testa de Roncaglia nun córner, tralos dous primeiros goles de Iagos Aspas. Catro xornadas sen gañar a domicilio por mor dos 12 goles encaixados. O Celta queda con 21 puntos e deixa escapar unha oportunidade de achegarse aos postos europeos.

Un Betis sen intensidade cedeu o campo e a pelota ao Celta, que asumiu axiña o control do partido. Tocaban e tocaban os celestes buscando achegarse a meta rival, aínda que sen moita verticalidade. Pero os locais non tocaban balón, e Bongonda achegábase á área bética. O tanto celeste víase vir, e chegou no minuto 15: centro do belga que se pasea pola área, chega no segundo pau a Daniel Wass, que volve metelo na área pequena para o remate de Iago Aspas.

O Betis estaba medio morto, e o Celta seguiu mandando pero sen a ambición suficiente para sentenciar o choque. Os de Berizzo limitábanse a deixar pasar os minutos, e os locais pouco a pouco foron espertando. Tras avisar Rubén Castro, erro na área de Fontás, que nunha xogada sen perigo tirouse enriba de Petros. Rubén Castro empatou de penalti.

O Celta acabou mal o primeiro tempo e comezou durmido o segundo, e o Betis saiu enchufado a polo partido. Rubén Blanco rematou ao pau no minuto 48 e, cinco minutos despois, o paraguaio Sanabria fixo o 2-1 ante a pasividade defensiva celeste e tras pase de Rubén Castro. Reapareceu Orellana tras máis dun mes de baixa e asistiu para a carreira de Aspas, que rematou ás mans de Adán. Pero o de Moaña non errou a seguinte e fixo o 2-2 no minuto 61 tras un centro cara atrás dende a liña de fondo de Bongonda.

O partido, de ida e volta, estaba sen control e os béticos, de novo nun erro defensivo celeste, desta volta na marcaxe nun córner, fixeron o 3-2 cun certeiro remate coa testa do arxentino Pezzela. E menos mal que Dani Ceballos errou na área o que puido ter sido o 4-2. Berizzo deu entrada a Pione Sisto por un inoperante Chelo Díaz e o Celta empurrou a polo empate. Roncaglia, tamén coa testa nun córner lanzado dende a dereita por Daniel Wass, firmou o 3-3 definitivo nun choque descontrolado. O xoves, en Grecia co Panathinaikos.

Cabral, Aspas e Rossi felicitan a Roncaglia polo gol do empate.
Cabral, Aspas e Rossi felicitan a Roncaglia polo gol do empate. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta