Temas: AUGA

Que produtos nunca se poden tirar polo baño?

Manter en funcionamento unha depuradora pode supor un custo de até 45 euros por ano e habitante. Neste artigo detallamos cales son os residuos que en ningún caso deben entrar na rede de saneamento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/12/2016 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

Ademais do punto de vista ecolóxico, cómpre ter en conta tamén o económico, en relación aos custes de operación e mantemento dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que poden alcanzar até os 45 euros por ano e habitante. Son cálculos de José Chamorro, enxeñeiro especialista de depuración de augas. Tamén é certo que estes custes poden baixar até uns 12 euros por habitante e ano nas cidades con máis de 100.000 persoas. En todo caso, un adecuado uso do que botamos polos desaguadoiro pode reducir os custes de operar unha EDAR e, en teoría, as taxas de saneamento que cobran os concellos.

Punto limpo móbil para a reciclaxe de lixo en Santiago
Punto limpo móbil para a reciclaxe de lixo en Santiago | Fonte: Concello de Santiago

Un dos contaminantes máis frecuentes nas redes de saneamento é o aceite de cociñar. O que se debe facer é retirar o aceite da tixola con papel absorbente e botalo ao lixo ou, aínda mellor, recollelo, unha vez frío, nun envase hermético e levalo para levalo a un punto de recollida para que poida ser reciclado. Na maioría dos mercados de abastos e en todos os puntos limpos municipais hai depósitos para o seu almacenamento. Dende Viaqua, unha das principais empresas de xestión de augas, lémbranos que “nunca o tires polo fregaoiro porque o aceite e a auga non se mesturan e resulta moi difícil eliminalo nas depuradoras”.

O mesmo sucede coas cabichas.  Os restos dos cigarros conteñen nicotina e alcatrán, sustancias que se disolven facilmente na auga e que son contaminantes, mesmo en pequenas concentracións e resulta moi difícil eliminalos no proceso de depuración. Os cigarros, unha vez apagados, ao lixo.

Que outros materiais non convén tirar polo inodoro? As omnipresentes toalliñas húmidas, os medicamentos, os bastoncillos, os plásticos, as gasas, as compresas e os preservativos son outros dos produtos que xamais hai que botar polo baño, xa que se se botan a rede de saneamento poden obstruír os canos e afectar a entrada da auga residual nas depuradoras. En cada baño debe haber un pequeno colector para tirar estes residuos sólidos, sobre todo nos negocios abertos ao público.

Outro produto co que hai que ter especial coidado é coa pintura. Debido ao seu alto grao de potencial de contaminación, o mellor é deixala secar ata obter unha masa sólida e logo levala aos centros de recollida municipais.

Temas: AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta