O Celta segue o soño europeo

O equipo celeste gaña 0-2 ao Panathinaikos en Atenas e pasa a 1/16 de final da Europa League tralo 1-1 entre Standard de Liexa e Ajax. Marcaron Guidetti coa testa e Orellana de penalti. O luns, sorteo da seguinte rolda.

Por gcdeportes | Vigo | 08/12/2016 | Actualizada ás 23:32

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Panathinaikos 0:
Steele; Mesto, Rodrigo Moledo, Ivan Ivanov, Chouchoumis; M'Poku, Zeca, Robin Lod (Koutrombis, 82'), Wakaso; Lucas Villafáñez (Leto, 69') e Rinaldi (Ibarbo, 60').
RC Celta 2: Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass (Marcelo Díaz, 63'); Orellana (Pione Sisto, 82'), Theo Bongonda e John Guidetti (Sergi Gómez, 89').
Goles: 0-1: Guidetti (minuto 3). 0-2: Orellana, de penalti (minuto 76).
Árbitro: Andris Treimanis (letón). Amarelas a Robin Lod (33') e Wakaso (69').
Incidencias: partido da 6ª xornada da fase de grupos da Europa League no estadio Apostolos Nikolaidis ante 10.000 espectadores.

Final feliz en Atenas para seguir co soño europeo. O Celta fixo o que tiña que facer ante o Panathinaikos, gañar 0-2 con suficiencia, e aproveitouse do empate entre Standard e Ajax (1-1) en Liexa. O equipo celeste clasifícase para os 1/16 de final da Europa League como segundo do grupo G, por detrás do Ajax holandés, con 9 puntos en seis xornadas froito de dúas vitorias, tres empates e tan só unha derrota (3-2 en Amsterdam).

O Celta controlou case todo o partido, pero Rinaldo deu un pequeno susto aos celestes cun remate no minuto 2 tras centro dende a dereita que atallou Rubén Blanco. Pero no primeiro achegamento celeste, centro de Hugo Mallo e remate coa testa de Guidetti ao fondo da rede. O partido de cara co 0-1 xa no minuto 3. O gol deu tranquilidade ao equipo do Toto Berizzo, que controlou sen problemas o primeiro tempo, aínda que lle faltou profundidade e decisión para ir a polo segundo. Tan só outra ocasión clara de perigo, nun córner no minuto 30, no que o balón chegou a Radoja, que rematou coa esquerda preto do pau. Ao descanso, 0-1, con moita posesión pero con certo conformismo polo resultado.

O Panathinaikos saiu máis intenso tralo lecer, e o Celta tivo que conformarse con defender. Pero a zaga celeste mantivo a concentración, non pasou problemas, e Rubén Blanco apenas tivo que intervir. Mellorou o Celta coa entrada de Chelo Díaz por un mancado Daniel Wass, recuperou a posesión e pasouse a xogar en campo grego. No minuto 70, Moledo pegou unha patada a Guidetti na área e Orellana fixo o 0-2 dende os once metros para sentenciar o partido e a clasificación. Entraron Pione Sisto e Sergi Gómez para deixar pasar os minutos, e o Celta mantivo o soño europeo alomenos ata marzo grazas ao empate 1-1 entre Standard e Ajax. O equipo celeste segue vivo nas tres competicións.

Guidetti celebra con Tucu Hernández o 0-1.
Guidetti celebra con Tucu Hernández o 0-1. | Fonte: lfp.es

Os xogadores celestes celebran o pase a 1/16 en vestiarios. / @aspas10
Os xogadores celestes celebran o pase a 1/16 en vestiarios. / @aspas10
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta