SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2016 | Actualizada ás 16:50 por EUROPA PRESS
Cando se cumpren os seus primeiros cinco anos de existencia, a Orquestra do Espazo de Cámara da USC publicou un dobre CD conmemorativo, 'Un lustro de historia', para recoller o testemuño do traballo desenvolvido ata o momento. Ademais, este domingo ofrece o seu tradicional Concerto de Nadal.
Dende o seu posta en marcha no curso 2010-2011 formaron parte desta orquestra máis de 200 estudantes da USC, ofrecendo 25 programas diferentes en algo máis de 30 concertos públicos, aos que asistiron máis de 3.200 espectadores.
'Un lustro de historia' recompila unha selección das interpretacións da orquestra universitaria gravadas en vivo en distintos concertos. Entre elas, inclúe varias obras do patrimonio cultural galego como 'Camiño de Santiago', de Henrique Saavedra, ou 'Concerto de violín', do pontevedrés Manuel Quiroga.
Entre os solistas invitados neste CD figuran Roberto Santamarina, profesor do Conservatorio Profesional de Santiago, Gregory Nedobora, principal de segundos violíns da Real Filharmonía de Galicia; a arpista Reyes Gómez Benito; o acordeonista Javier Díaz ou o violonchelista Carlos García Amigo.
Para a elaboración deste disco, o Espazo de Cámara contou coa colaboración dos técnicos da RTVG Pablo Barreiro e Migués Novás, así como da Agadic, pola cesión de diferentes partituras de repertorio galego.
CONCERTO DE NADAL
A orquestra ofrecerá este domingo, día 11, ás 20,00 horas, na Igrexa da Universidade o seu tradicional Concerto de Nadal, con entrada gratuíta ata completar auditorio.
Baixo a dirección de Mario Diz, o programa inclúe pezas como a 'Abertura Croesus', de Keiser, 'A infancia de Jesús', de Berlioz; 'O voo sobre Exipto', de Elgar; 'Peer Gynt, suite nº2', de Grieg ou 'Danza Arábica', de Ketelby.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.