Ferroglobe instalará unha planta de fabricación de carbón vexetal en Galicia

A empresa prevé crear 96 postos de traballo vinculados a esta factoría. a instalación consumirá 63.000 toneladas de madeira ao ano

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2016 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Ferroglobe instalará en Galicia unha planta de fabricación de carbón vexetal coa que prevé crear 96 postos de traballo vinculados a esta. Segundo as previsións da empresa, a planta terá un efecto engadido no sector forestal galego, xa que a instalación consumirá 63.000 toneladas de madeira ao ano (o 8% da que se curta actualmente).

Instalacións de Ferroglobe no parque industrial de Sabón-Arteixo
Instalacións de Ferroglobe no parque industrial de Sabón-Arteixo | Fonte: Ferroglobe.

A localización concreta da factoría en Galicia aínda non está decidida. A empresa realizará un investimento de 9 millóns de euros. A súa produción está vinculada á nova planta de silicio solar que a empresa creará en Sabón-Arteixo cun desembolso de 42 millóns de euros e 240 empregos asociados.

A fábrica galega levantarase sobre unha superficie de 10.000 metros cadrados, na que se instalarán catorce fornos e dous equipos de secado. Con iso, Ferroglobe producirá, a partir de 63.000 toneladas de madeira, 15.000 toneladas de carbón vexetal ao ano.

"O desenvolvemento industrial de carbón vexetal a grande escala é un desenvolvemento tecnolóxico de máxima prioridade para Ferroglobe nos próximos anos, como modo de obter un redutor de custo competitivo, renovable e de alta calidade que poida substituír a importación de carbón mineral", sinala a empresa.

Ademais, polas súas características de "alta reactividade e baixo contido en boro", representa unha materia prima "esencial" na produción de silicio solar, din fontes da compañía.

Por outro lado, a empresa porá en marcha unha tecnoloxía que aspira "á neutralidade total" en emisións, utilizando a propia calor que se xerará para o proceso de produción para secar a madeira.

PLAN INDUSTRIAL

Esta iniciativa, xunto coa planta de silicio solar, forman parte do Plan Industrial que Ferroglobe pretende desenvolver en Galicia para fortalecer a súa posición no mercado global.

"A entrada de Ferroglobe como consumidor de madeira terá un efecto moi positivo no sector forestal galego, porque a súa necesidade do 8% do total talado en Galicia dinamizará o mercado, beneficiando tanto aos pequenos propietarios de bosques coma aos 70.000 traballadores vinculados á actividade", destaca a empresa.

Con este plan, a compañía busca fortalecer o seu negocio principal de electrometalurxia, cun esforzo investidor que supera os 125 millóns de euros en toda España, dos cales 75 millóns se destinan a Galicia.

"O reto deste programa investidor só é posible coa alienación de actividades non estratéxicas para a compañía e que hoxe están desvinculadas da súa actividade produtiva principal, como é o caso das centrais hidráulicas que a compañía ten en España e Francia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta