A USC traballa na mellora do recoñecemento de emocións faciais na esquizofrenia

O grupo de Psiquiatría Clínica, Psiquiatría Social e Psicoterapia da Universidade de Santiago de Compostela estuda a eficacia dunha nova técnica para mellorar as habilidades dos pacientes en ámbitos sociais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2016 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O grupo de Psiquiatría Clínica, Psiquiatría Social e Psicoterapia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que lidera Raimundo Mateos estuda a eficacia dunha nova técnica para mellorar o recoñecemento de emocións faciais na esquizofrenia.

Imaxe da plataforma www.e-motionaltraining.com financiada polo Servizo Galego de Saúde por medio de Fondos Feder, no contexto do Programa PRIS de innovación
Imaxe da plataforma www.e-motionaltraining.com financiada polo Servizo Galego de Saúde por medio de Fondos Feder, no contexto do Programa PRIS de innovación | Fonte: USC.

En concreto, segundo indica a USC, estudan como automatizar esas emocións faciais para que o paciente poida realizar os adestramentos dende a súa casa.

As persoas con esquizofrenia presentan mímica facial atípica cando se lles mostran caras con expresións faciais, o que é un signo indirecto das dificultades que teñen para identificar as emocións nos rostros e, polo tanto, para interpretar as intencións ou sentimentos dos demais.

Para mellorar o recoñecemento de emocións faciais na esquizofrenia leváronse a cabo diversos experimentos que empregan a mímica, in vivo, facendo teatro con espellos, e que se integraron en diferentes programas de rehabilitación en grupo.

Así, un dos membros do seu grupo, Alejandro García Caballero, lidera unha investigación que busca demostrar a eficacia dunha nova técnica para mellorar ese recoñecemento a través dun software -o elixido foi o da empresa holandesa Sightcorp- que fai medicións da emoción que representa o paciente na súa cara imitando un modelo.

"Temos novos resultados de mímica que demostran que o adestramento computarizado axuda aos pacientes a mellorar o recoñecemento de emocións", asegurou.

"O programa dános inicialmente un output cunha porcentaxe de emoción en cada foto, os resultados da cal gamificamos para darlle ao usuario unha experiencia de xogo que sexa gratificante", explicou. Este novo sistema probouse con éxito nun primeiro ensaio piloto aleatorizado na asociación Albores de Monforte de Lemos (Lugo), base da tese doutoral da investigadora Carmen Armas, tamén do mesmo grupo. "Agora o que estamos a buscar é a dose mínima eficaz, o menor número de sesións que produce melloría", comentou García.

FINANCIADA POLO SERGAS

O programa forma parte da plataforma www.e-motionaltraining.com financiada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) por medio de Fondos Feder, no contexto do Programa PRIS de innovación.

A investigación deste grupo da USC xa está a dar os seus froitos. Deste modo, o videoxogo 'Second Chance', que supón o traballo de doutorado de Francisco Díaz Llenderrozas, gañou o premio ao mellor xogo no III Congreso de 'Xogos de Saúde' celebrado hai unhas semanas en Madrid.

PROGRAMA DE ADESTRAMENTO

A USC indicou que se trata un programa de adestramento en cognición social dirixido tanto a pacientes con trastornos mentais coma a poboación non clínica co obxectivo de mellorar as súas habilidades en ámbitos sociais a través dun xogo con diferentes finais e tomas de decisións.

"Intégrase nun portal que rexistra a evolución dos usuarios ao tempo que permite non só o seu uso de xeito individual, senón que fomenta a súa utilización en terapias de grupo e en consultas presenciais con pacientes", concretaron.

Aínda que nun primeiro momento o xogo -que o Sergas ofrecerá en 2017- se está a probar en pacientes con trastornos mentais, os investigadores destacan as súas posibilidades no ámbito educativo. O videoxogo realizouno a empresa vasca Virtualware, mentres que a encargada de desenvolver a nova plataforma é a galega Plexus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta