Por gcdeportes | Ferrol | 15/12/2016 | Actualizada ás 08:31
Foise sen ver cumprido o seu soño de ver o Racing en Primeira. “Eu seguramente nos estarei de presidente, pero verei ao Racing en Primeira División. Seguro. Alguén virá que nos leve a Primeira”, aseguraba. En maio do 2010 detectáronlle por primeira vez o cancro, coincidindo co descenso do Racing a Terceira. Despois dunha longa loita contra a enfermidade, o empresario Isidro Silveira Cameselle, emblemático presidente do Racing de Ferrol dende 1995, o máis lonxevo da súa historia, faleceu aos 73 anos.
Aínda que nado en Lavadores en 1943, a súa dedicación á construcción naval (chegou a ser presidente de Aclunaga, o clúster galego do sector) levouno a asentarse en Ferrol, e de feito considerábase un ferrolán máis. Tivo tres fillos (Jorge, Isidro e Borja) con Elina Rey, falecida en abril do 2015. Un deles, Isidro Silveira Rey, asumiu o mando do club nos últimos meses como conselleiro delegado pola enfermidade do seu pai.
Isidro Silveira xogou ao fútbol dende cativo e chegou a fichar en 1961 polo Celta. Chegou ao Racing en 1993, e trala renuncia de Manuel Criado en 1995, asumiu o cargo de presidente, abrindo unha das etapas máis fructíferas na historia do club. Investiu parte do seu patrimonio persoal para pagar débedas do club, e no 2000 acadou o ascenso a Segunda A tras 21 tempadas en Segunda B e Terceira. Despois converteu o club en sociedade anónima deportiva, sendo o seu máximo accionista xunto co Concello. Silveira rexeitou a proposta dun grupo de afeccionados para que o estadio da Malata levase o seu nome: “Non sería xusto. Non fixen ningún mérito para que lle poñan o meu nome. Non aportei cousas interesantes para a cidade”.
“O Racing segue o seu camiño, pero a historia marcará a Isidro como un referente. Será unha figura emblemática do Racing, porque deixou sangue, suor, bágoas e cartos no club”, apuntou Luis César Sampedro, este curso técnico do CD Lugo, que coincidiu con el no Racing durante dez anos, seis como porteiro e catro como adestrador. “Unha gran perda e un gran presidente. Foi, e seguirá sendo, o meu pai deportivo. Foi o que apostou por min cando non era ninguén. Era xogador e de repente quixo que fose adestrador dun Racing que iniciaba a súa andaina en Segunda División despois de 21anos”.
O adestrador do equipo, Miguel Ángel Tena, foi o encargado de comunicar a nova aos xogadores tras rematar o adestramento. Este xoves ás 17.00 horas, a concatedral de San Xiao acollerá o funeral. “Hoy es un día triste para todos. Se nos ha ido nuestro presidente, D. Isidro Silveira Cameselle. Necesitaríamos un libro para describir todo lo que era para nosotrosy para esta entidad que él, ha representado en los últimos 21 años. Un Presi querido por todos los que de una manera u otra han formado parte del Racing: jugadores, técnicos, directivos, empleado y aficionados. Se ha ido pero siempre permanecerá en nuestra memoria y en la gran historia de este nuestro Racing”, foi o comunicado do Racing tralo falecemento.
“O Concello de Ferrol quere expresar o seu pesar polo falecemento de Isidro Silveira Cameselle, presidente do Racing de Ferrol e enviar, no nome da corporación, un abrazo a súa familia, amigos, asi como a súa outra familia, a racinguista, neste día lutuoso marcado pola perda dun ferrolán que deixa un oco baleiro na cidade e particularmente, no mundo do fútbol”, foi a mensaxe de condolencia do Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.