Os galegos gañan 800 euros menos ao ano que en 2008

O PIB per cápita galego pasou de 21.226 euros no ano 2008 a 20.431 euros en 2015. Tamén cae o PIB industrial. Porén, a economía galega medra máis que a española por vez primeira dende o inicio da recuperación, segundo datos do Foro Económico de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/12/2016 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia, liderado polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, presentou este mércores o seu derradeiro Informe de Conxuntura Socioeconómica do ano 2016, coordinado por Fernando González Laxe. Entre outros aspectos, o documento analiza a evolución económica durante a crise, destacando o feito de que o PIB per cápita galego pasou de 21.226 euros no ano 2008 a 20.431 euros en 2015.

A millonaria indemnización recibida por José Luis Pego, ex-directivo de Caixanova, causou indignación entre os cidadáns
A millonaria indemnización recibida por José Luis Pego, ex-directivo de Caixanova, causou indignación entre os cidadáns | Fonte: Miguel Núñez

O informe recolle tamén a contracción do PIB industrial, que cae dende o 19,5% que representaba sobre a produción galega en 2008 ao 18,8% que representa en 2015. A maior caída dáse no PIB da construción, que pasa de representar o 12,1% da economía galega ao 6,6%. Pola contra durante a recesión económica constátase o crecemento do peso do sector do comercio (medra dous puntos ata o 24,4%) e do sector público (tamén medra dous puntos ata o 19,4%).

O sector con mellor comportamento en Galicia entre 2008 e 2015 foi o comercio internacional, segundo explican desde o Foro Económico de Galicia. As exportacións galegas medran nese período en 3.100 millóns de euros, mentres as importacións caen en 380 millóns de euros, provocando un saldo comercial positivo récord de 3.710 millóns de euros.

CRECEMENTO

O estudo coa participación tamén dos economistas José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago, constata que "a economía galega está a medrar un pouco máis que a economía española, por vez primeira dende o inicio da recuperación económica en 2014". O PIB galego, sinalan, medra ata setembro 2016 a unha media interanual do 3,3%, fronte ao incremento interanual medio do 3,2% do PIB de España. Asemade, engaden, Galicia rexistra as taxas intertrimestrais máis elevadas dende o comezo da crise (0,9%), "o que unido á certa ralentización da economía española, semella reflectir que continuará o proceso de converxencia á media española no conxunto de 2016".

Segundo recolle o documento, "o dinamismo da actividade produtiva trasládase novamente ao mercado de traballo, que presenta unha medra da ocupación e unha redución do número de persoas desempregadas". O número de persoas que levan máis dun ano en situación de desemprego, indícase no texto, descende no terceiro trimestre un 13,7% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, diminuíndo o seu número tanto no caso dos homes como das mulleres, así como en todos os grupos de idade e nivel educativo. Con todo, apuntan os economistas, o paro de longa duración aínda representa o 53% do paro total.

SECTOR ACUÍCOLA

Nesta ocasión, xunto coa análise das contas económicas do terceiro trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o traballo compleméntase con comentarios sobre o panorama da acuicultura a cargo de Manuel Varela Lafuente e con 15 cadros para avaliar os efectos da crise económica en Galicia. 

Segundo os expertos, "Galicia ten cada vez máis e mellor diversificada a súa oferta de cultivos mariños, mais aínda lle queda superar o hexemónico peso da produción de mexillón". No informe propóñense tres grandes solucións para dar pulo a acuicultura galega, como son incrementar os espazos costeiros dedicados ao cultivo de moluscos e mariscos, aumentar as zonas de implantación de plantas de cultivo de peixes e diversificar o cultivo a flote do mexillón cara a ostra, con maior valor de mercado.

O informe sinala que en 2015 das 275.043 toneladas de acuicultura producidas en Galicia 275.043 toneladas corresponden ao mexillón. Así e todo, engádese no texto, a diversidade dos cultivos presenta 7813 toneladas de produción de rodaballo, 7345 de ollomol e 1732 de ameixas. Na produción acuícola galega xa aparecen con valores significativos a ostra (831 toneladas), o linguado (356 toneladas) e o polbo (239 toneladas). Varela analiza o forte crecemento mundial do consumo de peixe entre 2008 e 20114, cun estancamento do volume de pesca (93,5 millóns de toneladas) e cun forte crecemento da acuicultura, que pasa de 32 millóns de toneladas en 2008 a case 74 millóns de toneladas en 2014. Deste xeito, os peixes e mariscos cultivados pasaron de representar o 25% do consumo mundial en 2008 ao 44% en 2014, liderando España tanto a produción pesqueira como a produción acuícola europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Liberdade para Galiza

LADRONS EXPAÑOLENTOS! a economía medra pois nos rouban nas exportacións como as colonias... nos están sacando todo, xa o fixeron desde os reises catódicos... roubo e mais roubo, cando pasaron as alimañas reais non quedou nada, no tempo de Felipe II meteron tropas e roubaron todolos montes galegos para construir a chamada "armada invencible" despois secuestraron os galegos polas aldeas e os meteron nos barcos e afundiuse todo... sempre foi asi EXPAÑA E MOI LADROA... E MOI ASASINA... GALIZA SOAMENTE PROSPERARA SENDO LIBRE... AGORA OS PIORES TRAIDORES ANDAN CEIBES E POLO PARLAMENTO!!!! - podreiros- pe$oetas e pepeiros-