Por gcdeportes | A Estrada | 27/12/2016 | Actualizada ás 10:26
Dous históricos, xuntos por unha boa causa. Aproveitando o parón ligueiro, este venres celebrase no Estadio Municipal da Estrada, ás 18.00 horas, un partido amigable entre o Pontevedra e a SD Compostela. Organizado polo Club Deportivo Berres e a asociación Apacaf (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar), o derbi servirá para recadar fondos para apoiar as persoas con autismo e as súas familias a través desta asociación sen ánimo de lucro.
Localizada na parroquia estradense de Berres, Apacaf naceu en 1993 para a promoción, a educación, a integración social e a organización do tempo de lecer das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e con trastorno xeneralizado do desenvolvemento. No seu centro A Braña, levan 20 anos ofrecendo servizos coma residencia permanente dos mozos, residencia de estancia curta ou un servizo de centro de día. Segundo as verbas da súa directora, María Xosé Ferradáns, o centro é “un lugar onde viven e traballan persoas con autismo”, que ten como obxectivo que os usuarios consigan o maior nivel de autonomía persoal, benestar social e integración social posible.
O Pontevedra e mais o Compostela, dous históricos con pasado en Primeira e moi vencellados á comarca da Estrada, poñen o seu gran de area nesta iniciativa. Será o primeiro ano que Apacaf e o CD Berres organicen un evento deportivo benéfico e esperan ter unha grande acollida por parte do público estradense, e tamén do compostelán e pontevedrés. Actualmente, o Pontevedra de Luisito está en postos de promoción de ascenso a Segunda A, mentres que o Compos está sétimo, a 5 puntos dos postos de ascenso a 2ªB. Ademais, durante o lecer haberá un partido dos equipos de nenos e nenas da Escola Estrada de Fútbol Base.
Segundo Xoan Rivadulla, membro do comité organizador do club de Berres, para facer realidade esta iniciativa son “de vital importancia” as colaboracións do Concello da Estrada, de Simply Travel e da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE).
As entradas para o partido pódense adquirir nas oficinas da SD Compostela, no Estadio Municipal de San Lázaro e nas oficinas de Simply Travel (A Estrada), tendo un prezo de venta anticipada de 8 euros para adultos e de 5 euros para xuvenís, mentres que son de balde para cadetes, infantís, alevíns e biberóns. No estadio estradense e no mesmo día do encontro, o prezo será de 10 euros. Durante o partido vanse vender rifas a 1 euro para o sorteo de vales de compra de ACOE. Doarase a Apacaf todo o recadado coas entradas e coas rifas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.