VIGO | 27/12/2016 | Actualizada ás 14:46 por EUROPA PRESS
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) criticou que a Dirección Xeral de Policía non contrate máis persoal para cubrir os postos na Sala 091 das provincias de Pontevedra e A Coruña, e no seu lugar convocara prazas en comisión de servizo requirindo que os aspirantes estean destinados nalgunha comisaría das devanditas provincias, nas que xa hai "falta de persoal".
Nun comunicado, o sindicato afirmou que o pasado 30 de novembro a Dirección Xeral de Policía comunicou que "tiñan previsto convocar prazas en comisión de servizo para Vigo e A Coruña para reforzar as Salas do 091 de senllos equipos".
Tras iso, indicou que a división de persoal comunicou nestes días a convocatoria de oito prazas en comisión de servizo para A Coruña e outras tantas para Vigo, "pero a sorpresa é que o requisito fundamental para participar nestas convocatorias é que o peticionario estea destinado nalgunha das comisarias das citadas provincias".
Con iso, censurou, péchase "inxustamente as portas ao resto de policías do territorio nacional" e condénase "incongruentemente esta convocatoria ao fracaso, xa que, de haber peticionarios, deixarán en cadro os seus equipos de orixe". Ante esta "fórmula rocambolesca", o sindicado manifestou sentirse vítima dun "engano" e dixo que se opón "rotundamente".
Nesta liña, tras criticar tamén que non se convoquen prazas en atribución temporal para reforzar os equipos ata o concurso xeral de méritos, denunciou a "pasividade" da Dirección de Policía ante unha reorganización que suporá "unha grave mingua no servizo que se ofrece aos cidadáns, ao ter que detraer policías da rúa para responder as chamadas" de toda unha provincia.
Finalmente, o SUP reiterou a súa petición de que se cambie e amplíe a estrutura de postos de traballo na Comisaría de Vigo-Redondela, e en concreto reclamou "de xeito urxente" a provisión de 15 funcionarios máis "para poder facerse cargo en plenas condicións da nova Sala do 091 provincial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.