SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2017 | Actualizada ás 18:26 por EUROPA PRESS
O Servizo de Información Municipal de Lugo 010 recibiu durante o ano 2016 máis de 75.000 consultas, das que preto de 70.500 foron chamadas e uns 4.700 correos electrónicos.
Segundo informou o Concello de Lugo, dende a posta en funcionamento, en 2005, o servizo leva máis de 945.000 consultas atendidas. O pasado ano foron preto de 57.000 chamadas e máis de 2.100 correos.
O servizo, que na actualidade conta cun cadro de persoal composto por catro teleoperadoras, recolle os avisos de atoamentos de sumidoiros, avarías na subministración de augas, limpeza nas rúas ou calquera tipo de incidencia no funcionamento do servizo público.
Ademais, grande parte das consultas que se reciben dende este servizo están relacionadas coa información municipal, tales como é darse de alta ou baixa na subministración de auga, información para o empadroamento, emprego público ou transporte.
Por diferentes canles, este servizo tamén informa das actividades extramunicipais realizadas por entidades colaboradoras do concello, obras de teatro, números de teléfono ou información turística, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.