O TSXG pon en dúbida os tribunais da Xunta e obriga a nomear funcionaria a unha opositora

A resolución xudicial considera "sangrante" a situación e CSIF insiste en pedir un Observador da Legalidade nos procesos selectivos. Facenda sinala que o TSXG aproba a opositora que denunciou dándolle "a puntuación máis baixa" dos que sacaron praza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2017 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigou á Xunta a nomear funcionaria a unha opositora, quen fora suspendida, ao considerar "probada" a existencia dunha "conxura do tribunal calificador con burla das bases da convocatoria". A resolución, que xa é firme, cualificou de "sangrante" a situación da opositora.

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

Segundo informou este luns a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), a través dun comunicado, esta sentenza se suma a outras tres previas, nas que tanto o Tribunal Supremo como o TSXG recoñecen a "arbitrariedade" na actuación dos órganos de selección e a "indefensión" dos opositores. Para CSIF, "estas sentenzas poñen en evidencia a imparcialidade das oposicións convocadas pola Consellería de Facenda".

No referente á sentenza, esta sinala dous motivos que dan a razón á opositora que impugnou o proceso e que optaba ao Corpo Superior de Administración da Xunta Subgrupo A1 quenda libre. O primeiro deles consiste na "vulneración por parte do tribunal calificador do sistema de valoración e puntuación final previsto na base da convocatoria".

E é que, o tribunal calificador decidiu aprobar no segundo exercicio "soamente" 15 aspirantes, para que coincidisen co número de prazas ofertadas, mentres que debería "dar a posibilidade de sumar as notas do primeiro e segundo exercicio, tal e como esixen as bases da convocatoria".

CUALIFICACIÓNS ARBITRARIAS E EXAMES SEN CORRIXIR

O segundo motivo atende á "vulneración dos criterios de cualificación da convocatoria". Neste punto, a sentenza determina, "á vista dos exercicios", que as cualificacións foron "arbitrarias; que os "exames aparecen sen corrixir"; e que tampouco hai "solucións homoxéneas e obxectivas".

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

Así mesmo, o texto tamén explica que, "ademais, existían criterios xenéricos susceptibles de aplicación arbitraria", polo que non se pode saber o modo de aplicación de 3 dos 20 puntos dispoñibles. Por todo isto, a sentenza constata que "a valoración asignada á segunda proba é froito máis do voluntarismo que da razón científica".

OBSERVADOR DA LEGALIDADE

Pola súa banda, CSIF, que cualificou esta situación de "esperpéntica", insistiu na necesidade de crear un Observador da Legalidade dos procesos selectivos. O sindicato pretende que esta figura "vele pola limpeza" e "transparencia" dos tribunais de selección.

Da mesma forma, solicitou a modificación do regulamento de funcionamento dos tribunais de selección. Non obstante, segundo explicou o sindicato "ambas as dúas demandas son rexeitadas sistematicamente pola Dirección Xeral".

PUNTUACIÓN MÁIS BAIXA

A Consellería de Facenda sinalou, pola súa banda, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na súa resolución "atopa insuficiente a motivación das puntuacións obtidas pola recorrente e decide aprobala outorgándolle a puntuación máis baixa dos aspirantes que obtiveron praza".

Segundo trasladou o departamento autonómico, este proceso iniciouse "no ano 2008, cando se realizou a convocatoria do proceso selectivo" e unha das participantes neste proceso selectivo decidiu recorrer aos tribunais pola súa desconformidade coa nota obtida nun dos exercicios da oposición.

"Nun primeiro momento, o TSXG deu a razón á Xunta e, con posterioridade, variou o seu criterio e deu a razón á recorrente", esgrimiu, para engadir que, en todo caso, esta sentenza "so produce efecto" sobre a recorrente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta