Un policía desarmado enfrentouse ao atracador que disparou no supermercado

O home disparou polo menos cinco veces cunha escopeta no interior dun Mercadona no barrio das Lagoas de Ourense, unha delas contra o policía local fóra de servizo que lle fixo fronte.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/01/2017 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O home detido este mércores tras irromper armado cunha escopeta nun supermercado de Ourense, un bilbaíno de 35 anos que levaba seis meses residindo na cidade, non pasará a disposición xudicial ata que a Policía realice un rexistro do seu domicilio.

Supermercado Mercadona en Ourense atracado
Supermercado Mercadona en Ourense atracado | Fonte: @pablotaboada

Fontes policiais non descartan que o xulgado ordene un estudio psiquiátrico ao home, que vivía enriba do supermercado e era cliente habitual, para dirimir as causas que lle levaron a protagonizar este incidente.

A Policía confirmou que o detido accedeu ás 14,00 horas ao establecemento cunha mochila na que portaba unha escopeta de canóns paralelos coa que efectuou catro disparos cara ao teito na zona de bebidas do supermercado.

Cando os traballadores do centro intentaban evacuar as instalacións, un axente da Policía local que estaba fora de servizo observou "unha avalancha de xente" nas portas do establecemento e tras identificarse axudou na evacuación do local.

A Policía Nacional confirmou que foi este propio axente o que se puxo en contacto coa Comisaría para informar de que había un home cunha escopeta no interior do supermercado.

Impacto de bala nun supermercado en Ourense
Impacto de bala nun supermercado en Ourense | Fonte: EP

DISPAROULLE AO POLICÍA LOCAL DE PAISANO

O axente da Policía Local, Carlos Pérez, sinalou que puido ver a través da cristalera de entrada o home "cunha mochila nunha man e unha escopeta de caza aberta na outra". Nese momento identificouse como axente de policía e díxolle que deixara a arma.

Ademais, relatou que nun primeiro momento o detido se deu a volta e disparou contra un cartel, pero que tras un segundo intento para que depuxese a arma apuntou na súa dirección e disparou. Ese disparo foi o que impactou contra a cristalera da porta corrediza de entrada ao centro comercial, tras a que se atopaba o policía local.

O axente abandonou a entrada do supermercado e esperou a chegada da Policía Nacional, custodiando a porta para evitar a fuxida do autor dos disparos.

Á súa chegada, a Policía Nacional acordoou a zona con varias dotacións para evitar a fuxida do home e para evitar que se achegase ninguén á zona, xa que o suceso coincidiu coa hora de saída de moitos estudantes universitarios e de colexios próximos.

COLLERA CARTOS DAS CAIXAS

A continuación, un membro da Policía Nacional e o policía local entraron ao interior do local. Nese momento o detido dirixiuse cun plátano e un cigarro na man á liña de caixas, onde se tirou ao chan para que o detivesen.

Fontes da Policía Nacional confirmaron que nun primeiro rexistro se atoparon nos seus petos 1.200 euros que collera dunha caixa e varios cartuchos de escopeta.

O axente da Policía Local constatou que "se o detido quixese disparar a xente podería facer moito dano cando chegou o tropel de xente á entrada".

OUTRA TESTEMUÑA

Unha testemuña do acontecido, Elena Álvarez Martínez, afirmou que ao principio pensaba que era "unha broma" e non lle deu "importancia" porque vira a uns nenos rirse, pero despois decatouse do acontecido e conseguiu esconderse, xunto con outras persoas, nun almacén xunto á peixaría.

Ao respecto, afirmou que sentían "moito medo", que a xente "estaba a chorar" e que se pasaron "media hora escondidos" sen saber se "había xente viva ou morta", porque escoitaron varios disparos.

Esta mesma muller dixo que entendera ao home lanzar algunha proclama cando entrou, pero outra testemuña que estaba ao lado do agora detido, que preferiu non se identificar, asegurou que non é capaz de identificar o que dixo. En todo caso, as pistas actuais da investigación non apuntan a que se trate dun acto con fins políticos ou relixiosos e as caixeiras identificaríano como un cliente habitual e da zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta