Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2017 | Actualizada ás 10:52
A escritora e investigadora Marilar Aleixandre converterase este sábado de forma oficial en membro numerario da Real Academia Galega (RAG), nunha sesión extraordinaria que terá lugar a partir das 12,00 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), institución na que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais.
A nova académica ocupará así o sillón que quedou baleiro tras o falecemento de Xosé Neira Vilas. Na sesión de recepción lerá un discurso titulado 'Voces termando da paisaxe galega', ao que responderá a membro numerario da RAG Fina Casalderrey.
Marilar Aleixandre, nacida en Madrid en 1947, chegou a Galicia a mediados dos 70 para empezar a traballar como catedrática de ensino secundario en Vigo. En terras galegas, participou activamente na resistencia clandestina ao franquismo, foi líder do movemento veciñal e participou na fundación da primeira asociación feminista galega, entre outras cuestións.
Como bióloga e experta en educación, Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias e coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego, do primeiro Vocabulario das Ciencias neste idioma e de numerosos materiais, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias.
Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante a análise do discurso. Neste campo é autor dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.
TRAXECTORIA COMO ESCRITORA
Como escritora, a súa faceta máis coñecida, Marilar Aleixandre conta cunha ampla traxectoria, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica --suma 17 galardóns-- como polo público, a través de máis de 40 títulos.
O seu debut literario produciuse en 1989 con 'A formiga coxa', o primeiro dos 20 libros que asinou ata agora no campo da literatura infantil e xuvenil. Neste apartado gañou premios como o Merlín, o da Crítica, o Lazarillo ou o da Fundación Caixa Galicia. O seu nome está no listado White Ravens de la Biblioteca de Munich por 'A Cabeza de Augamar'.
Ademais de literatura infantil e xuvenil, en narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro por 'A compañía clandestina de contrapublicidade'; e o Premio Xerais e o Premio San Clemente por 'Teoría do Caos'.
Como poeta publicou títulos como 'Catálogo de Velenos', 'Mudanzas' ou 'Desescribindo', saído da imprenta o pasado mes de decembro. Da mesma forma, cultivou o ensaio, a biografía e o guionismo de cómic, entre outras disciplinas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.