Peixe Galego, sobre a bucina

Unha tripla de Andrés Miso no último segundo dalle a Marín a vitoria sobre Peñas Huesca por 73-71, a segunda consecutiva. Os de Javi Llorente suman xa cinco, e gañan o basket-average a un rival directo. A vindeira cita, en Palma.

Por gcdeportes | Marín | 15/01/2017 | Actualizada ás 09:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Marín Peixegalego 73:
Manu Ferreiro (4), Tim Derksen (15), Andrés Miso (19), Javi Múgica (9), Jason Cain (7) –cinco inicial- Jorge Romero (6), Albert Homs (4), Goo Adón (9) e Marc Bauzá (0).
CB Peñas Huesca 71: Gintvainas (19), Gregory Gantt (17), Jorge Lafuente (3), Simovic (7), Albert Fontet (8) –cinco inicial- Portález (5), Mirza Bulic (3), Mikel Motos (9) e Pablo Pérez (0).
Parciais: 20-21, 23-16 (43-37), 18-19, 12-15 (73-71).
Árbitros: Jose Vázquez García e David Sánchez Benito. Eliminaron por cinco faltas persoais a Jason Cain no Marín e a Albert Fontet no Peñas Huesca.
Incidencias: partido da 20ª xornada da LEB Ouro no pavillón municipal da Raña.

Andrés Miso, máximo anotador con 19 puntos e a tripla decisiva.
Andrés Miso, máximo anotador con 19 puntos e a tripla decisiva. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

Último minuto de tolos na Raña. Perdía 67-71 o Peixegalego cando, despois de cinco triplas consecutivas sen acerto, Tim Derksen anotou un 2+1 que achegou os locais. Con 70-71, Peñas Huesca errou dous ataques, incluídos dous tiros libres Gintvainas. Derksen foise cara a canastra rival e os árbitros non sinalaron unha falta clara. Na contra, Bulic machacou o aro local, pero sinaláronlle pasos. Tempo morto de Javi Llorente e apenas dous segundos para un ataque. Sobre a bucina, tripla de Andrés Miso, que reaparecía tras dous partidos ausente, para darlle a vitoria a Marín Peixegalego por 73-71.

Era un partido vital ante un rival directo. Peixegalego, malia a ausencia do seu base titular José Simeón e xa sen Mario Cabanas pero co último reforzo de Jorge Romero, acadou, por primeira vez na tempada, a segunda vitoria consecutiva e suma xa cinco. Ademáis, ten unha de vantaxe e o basket-average sobre Peñas, a quen tamén gañou 102-105 en Huesca.

Cos puntos de Derksen e Jason Cain, Marín arrincou por diante, pero Huesca igualou o encontro cunha tripla de Gantt (10-10). Foron os locais sempre arriba no primeiro cuarto, ata que, de novo unha tripla de Gantt, puxo por diante a Huesca: 20-21. Alternancia no marcador, con 7 puntos case consecutivos para Mikel Motos. Pero con 32-32, parcial de 8-0 para Marín que obrigou a parar o partido ao técnico visitante con 40-32 trala segunda tripla de Goyo Adón. Gintvainis anotou de tres, pero respostou Andrés Miso: 43-37 ao descanso.

Trala reanudación, Huesca axiña igualou o encontro (43-42), pero reaccionou Marín, que cunha tripla de Miso e tras unha técnica ao técnico visitante, volveu acadar a máxima vantaxe: 55-47. Ao último cuarto chegouse con 61-56. Adón e Derksen anotaron dende 6,75 e Marín gañaba 67-62 a 7:43 do final. Pero os de Javi Llorente non volveron anotar ata o último minuto do partido, e tras numerosos erros, Peñas Huesca foi sumando (de tiro libre en tiro libre) ata poñerse 67-71, cun parcial de 0-9 nos minutos decisivos. Marín insistía nunha tripla que non chegaba, ata que Tim Derksen anotou un 2+1. Con 70-71, Peñas non soubo sentenciar e Andés Miso deu a vitoria ao Peixegalego sobre a bucina para ledicia da Raña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta