Colosal Celta no Bernabéu

O equipo celeste gaña 1-2 ao Real Madrid con goles dos galegos Iago Aspas e Jonny no segundo tempo. Os do Toto Berizzo toman vantaxe e deberán certificar o pase a semifinais o vindeiro mércores en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 19/01/2017 | Actualizada ás 00:16

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Madrid 1:
Kiko Casilla; Danilo (Benzema, 80'), Varane, Sergio Ramos, Marcelo (Kovacic, 71'); Casemiro, Kroos, Modric; Lucas Vázquez, Marco Asensio (Morata, 52') e Cristiano Ronaldo.
RC Celta 2: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Chelo Díaz, Radoja, Tucu Hernández, Wass (Guidetti, 89'), Bongonda (Pione Sisto, 87') e Iago Aspas (Sergi Gómez, 82').
Goles: 0-1: Iago Aspas (minuto 65). 1-1: Marcelo (69'). 1-2: Jonny (70').
Árbitro: Fernández Borbalán (andaluz). Amarelas a Chelo Díaz (41') e Tucu Hernández (44') no Celta e a Sergio Ramos (5') no Real Madrid.
Incidencias: partido de ida dos cuartos de final de Copa no estadio Santiago Bernabéu ante preto de 60.000 espectadores, entre eles case 200 afeccionados celestes.

Partido perfecto dos celestes no Bernabéu. E plantexamento perfecto do Toto Berizzo. Dez anos despois, o Celta, valente e concentrado durante os 90 minutos, celebra unha vitoria no coliseo branco, 1-2 con goles no segundo tempo de Iago Aspas e Jonny, tras asistencia do moañés. Golpe dos celestes no Bernabéu, e vantaxe para o partido de volta dos homes do Toto Berizzo, que deberán certificar o pase a semifinais dentro dunha semana en Balaídos: os de Zidane están obrigados a marcar alomenos dous goles.

Nos primeiros quince minutos, a presión en todo o campo do Celta anulou o mediocampo rival e impediu o ataque branco. E os celestes achegábanse á área de Kiko Casilla, como nunha contra que Iago Aspas acabou cun centro-chute que non atopou nin rematador nin portaría. A mellor contra dos vigueses, no minuto 29, rematou cun disparo de Chelo Díaz ás mans de Casilla.ç

Os celestes celebran o 1-2 de Jonny no Bernabéu.
Os celestes celebran o 1-2 de Jonny no Bernabéu. | Fonte: lfp.es

O galego Lucas Vázquez era o principal perigo dos brancos, pero o Madrid abusaba dos centros á área e a defensa celeste estaba atenta para despexar o perigo. Pouco a pouco, o dominio dos madrileños fíxose máis intenso, e o Celta sufriu durante varios minutos para manter o 0-0 inicial. Os celestes perdían o balón axiña e preto da súa área, e o Madrid levaba perigo a meta de Sergio Álvarez. Na mellor ocasión local, no minuto 40, Casemiro, totalmente só ao bordo da área, disparou preto do pau dereito.

Trala reanudación, o Real Madrid semellaba sair intenso a polo gol, pero trala lesión de Marco Asensio perdeu ímpeto. Entrou Morata, que tivo unha boa ocasión pero o remate foise alto. O Celta recuperou a súa presión en todo o campo e tiña o control do partido. E atopou premio ao seu bo traballo. Xogada de Bongonda pola súa banda, centro que despexa mal Marcelo e Aspas, con serenidade e precisión, rematou ás redes. 0-1 no minuto 65.
Durou pouco a vantaxe celeste. O Real Madrid empurrou polo empate. De novo os centros á área celeste, e un de Modric dende a dereita acabou nos pés de Marcelo, que fixo o 1-1. Ao Baernabéu non lle deu tempo a celebrar o gol. Na seguinte xogada, roubo de Jonny a Lucas Vázquez no mediocampo, balón para Iago Aspas que asiste entre os centrais para a carreira de Jonny, que marca o 1-2 que sería definitivo.

Á desesperada tentou o Real Madrid evitar a derrota. Varane rematou coa testa preto do pau tras un córner no 80' e, no enésimo centro de Marcelo, deixada atrás de Ronaldo e Benzama, con toda a portaría para el, remate ás nubes. Berizzo loubou o sacrificio, a solidaridade e a valentía dos seus xogadores. O Celta fixo encaixar ao Real Madrid a primeira derrota da tempada no Bernabéu. Faltan 90 minutos en Balaídos.

Iago Aspas, xeonllos no céspede para celebrar o 0-1.
Iago Aspas, xeonllos no céspede para celebrar o 0-1. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 arzuacapital

bye bye RM!