Convocado o V Certame de Relato Curto pola Federación de Nais e Pais e Kalandraka

O Concello de Pontevedra acolleu este xoves a presentación do V Certame de Relato Curto convocado pola Federación de Nais e Pais (FANPA), no que colabora a Casa do concello xunto á Deputación provincial e a editorial Kalandraka.

PONTEVEDRA | 19/01/2017 | Actualizada ás 18:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra acolleu este xoves a presentación do V Certame de Relato Curto convocado pola Federación de Nais e Pais (FANPA), no que colabora a Casa do concello xunto á Deputación provincial e a editorial Kalandraka.

De novo nesta edición contará con catro categorías, para alumnos de Primaria, Secundaria, Bacharelato/Formación Profesional e tamén unha destinada a adultos.

"Este tipo de certames adoitan ser o berce dos futuros escritores en lingua galega", sinalou o deputado provincial Xosé Leal, que, ao igual que o concelleiro pontevedrés Alberto Oubiña, se mostrou "orgulloso de que sexa en lingua galega".

O prazo para entregar os relatos manterase aberto ata o próximo 28 de febreiro. Prevén a recepción de "entre 700 e 800 relatos", segundo dixo o presidente da FANPA, Rogelio Carballo.

Os premios para o gañador de cada unha das categorías serán un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina do ilustrador Xosé Cobas.

NOVIDADE

Ademais, como novidade, nesta ocasión os cinco primeiros clasificados en cada categoría poderán participar nun taller de creación literaria impartido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Como en anteriores edicións, Kalandraka publicará nun libro os 120 relatos finalistas, no que se incluirá un texto feito expresamente para a ocasión polo escritor profesional Xabier Docampo.

As bases do V Certame de Relato Curto poden consultarse na web certame.nontedurmas.org.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta