Feijóo comprométese coa cultura galega a elaborar este 2017 un plan do sector coas súas achegas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse ante centos de representantes da cultura galega a elaborar este ano 2017 un plan para o sector no que se teñan en conta as súas "achegas e reflexións".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2017 | Actualizada ás 21:48 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse ante centos de representantes da cultura galega a elaborar este ano 2017 un plan para o sector no que se teñan en conta as súas "achegas e reflexións".

"Quero anunciarlles, hoxe, aquí, o compromiso do Goberno galego de elaborar un Plan da Cultura Galega, concibido como ferramenta de traballo básica construída con achegas e reflexións dos principais axentes dos distintos sectores culturais para definir entre todos as liñas mestras da cultura galega nos próximos anos", resaltou Feijóo.

O mandatario autonómico, que no seu discurso tivo palabras para o recén celebrado acto de 35 aniversario do Parlamento e a toma de posesión de Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente galego, incidiu en que este plan ten que concibirse como unha "ferramenta de traballo imprescindible que permita fixar unhas bases de planificación a medio prazo do futuro cultural", centradas en estruturar e priorizar as liñas fundamentais da actuación no ámbito cultural.

"Pois a cultura é o crisol do pasado e o futuro, unha creación colectiva por todos e para todas. E a corresponsabilidade, ese necesario protagonismo de todas as partes resulta a mellor garantía de futuro para que Galicia escriba con boa letra outras mil primaveras máis (Cunqueiro)", subliñou.

No acto tamén interveu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen destinou parte das súas palabras a destacar o labor dos docentes como primeiro chanzo para desenvolver a cultura. "A cultura e a creatividade son valores básicos que nos sitúan no mundo, que nos fan á vez diferentes e iguais", destacou o tamén titular de Educación, quen remarcou que o traballo dos premiados é "un estímulo para fomentar unha cultura libre e aberta ao mundo".

SOBRE OS PREMIADOS

Feijóo recoñeceu unha débeda con Elena Zernova (Proxección Exterior). "A ela debémoslle un proxecto de Antoloxía da Literatura Galega que leva xa publicados 21 tomos", manifestou o mandatario autonómico, quen significou que coa Irmandade Xurídica Galega (Lingua) "o galego recupera o prestixio nun ámbito que semejaba apartado".

"O feminismo galego levará sempre o nome de María Xosé Queizán (Letras)", proclamou Feijóo, quen dixo que premiala a ela é facelo con "tantas mulleres galegas que loitaron por dereitos básicos", proclamou o mandatario autonómico.

De Miguel Fernández-Cid (Artes Plásticas), destacou a súa "década prodixiosa" á fronte do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), mentres que do Museo de Pontevedra (Patrimonio Cultural) subliñou a magnitude das súas obras, incluída a de Castelao, o legado da cal e personalidade "axuda a comprender mellor" a institución.

En relación ao pianista compostelano Maximino Zumalave (Música), Feijóo puxo en valor a súa traxectoria internacional, da que remarcou que baixo o seu batuta estivo a Orquestra de Cámara de Sttutgart e as sinfónicas de Praga e Oporto.

O dirixente galego tamén remarcou que Numax (Premio Audiovisual) considerou que se trata dun "selo de calidade de referencia internacional" e de Sarabela Teatro (Artes Escénicas) remarcou que desenvolve un "importante labor docente".

"APLAUDIR OU DISCREPAR"

Durante o seu discurso, o presidente da Xunta expresou que grazas á Galicia da cultura, o pobo galego creou unha identidade colectiva e se fixo presente no mundo. "Galicia está viva. O seu xeito de ser non está ancorada nun momento concreto, nin reducida a tecnoloxías específicas, porque posuímos unha cultura capaz de adaptarse, de incorporar tendencias novas e de atender ao alleo," aseverou, antes de abundar en que os premiados son "boa mostra" diso.

Finalmente, o xefe do Executivo autonómico indicou que "se pode aplaudir ou discrepar" cos artistas, pero "a cidadanía sempre se enriquece coa súa obra".

Así, alegou que "a cultura nunca é extravagante, senón que a extravagancia vén da man dos ditadores, dos intolerantes, dos incapaces de entender a diferenza" e animou a seguir na creación libre. "A cultura galega fíxonos albiscar a liberdade cando soamente era unha esperanza. Hoxe fainos máis libres para ser como queremos ser", sentenciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta