Verín potenciará o Entroido na rúa

Unha maior participación dos veciños e potenciar as características propias da máis famosa da festa da vila son algunhas das claves do Entroido 2017 en Verín.

Por GC Tendencias | Verín | 30/01/2017 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

Gerardo Seoane deu explicacións en canto ao orzamento e argumentou que os gastos son moi similares aos do ano pasado, ao redor dos 100.000 €. Segundo o alcalde: “A recadación popular, tanto do libro como dos donativos, é similar á da edición pasada, roldando os 35.000 euros e a esta cantidade hai que sumarlle a achega realizada pola Axencia Galega de Turismo, os beneficios finais que se acaden coa venta do Merhandising oficial e a cantidade, aínda sen determinar, que achegue a Deputación Provincial de Ourense mediante a subvención xa tramitada”.

Presentación programa do Entroido
Presentación programa do Entroido

A Concelleira de Cultura quixo facer especial fincapé en que, este ano, se deron os primeiros pasos cara á instauración dunha asociación veciñal organizadora do Entroido de Verín. “Podemos dicir que nesta edición traballamos, man a man, cun grupo de veciños/as que esperamos sexa a semente para a instauración, en vindeiras edicións, do que será a comisión oficial que organice o Entroido. Desde un primeiro momento, desde o grupo de goberno marcámonos o firme propósito de devolverlle o entroido ao pobo, xa que  consideramos que  a esencia mesma desta  ancestral celebración brota directamente do sentimento  e vivencias populares”.

Segundo Somoza,  o deseño da programación deste ano tivo como base a anteriores edicións do Entroido pero buscando potenciar os valores propios e identitarios desta festa. “O que queremos conseguir nesta edición, sempre -por suposto- escoitando as ideas que nos propón a xente, é manter a liña mestra da anterior  e seguir potenciando o que consideramos que é a esencia e a identidade da nosa celebración, o entroido popular  na rúa”. O xoves de compadres,16 de febreiro, dá inicio ás celebracións que continuarán o 23 de febreiro co xoves de comadres e xa “entroido rachado” do 24 ao 28 con música e troula polas rúas de Verín a cargo de diferentes charangas sendo o epicentro da festa a carpa da Praza Maior, lugar onde estarán as discotecas móbiles e as orquestras. En total máis de 150 horas de música en vivo, como relata a concelleira.

Como epílogo das festas, o "Domingo de Piñata" (5 de marzo) pecha a semana grande cunha gran comida popular e ambientación musical para os participantes nos desfiles.

Sorteo dunha careta de cigarrón

Este ano, o Concello de Verín realizará un sorteo dunha careta de cigarrón. As rifas poderán adquirirse por 1 euro, a partir do luns  27, en calquera dos 120 establecementos colaboradores coa organización do evento, que estarán identificados por un cartel oficial de “establecemento colaborador”, na parte exterior dos mesmos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta