SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2017 | Actualizada ás 13:37 por EUROPA PRESS
A XVII Mostra de Teatro Clásico de Lugo, que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire entre o 3 febreiro e o 19 de marzo, contará cunha sección oficial formada por cinco representacións. Pero ademais desta sección oficial terá outra 'off', que comezará este luns, con actividades na rúa e espectáculos de pequeno formato.
Segundo informou o Concello de Lugo nun comunicado, a concelleira de Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basandre, explicou na presentación desta décima edición que a XVII Mostra de Teatro Clásico "achegará os clásicos teatrais ao público xeral a través do grupo lucense Lucecús Teatro", con actuacións en diversos puntos da cidade, así como en institutos, autobuses urbanos ou no campus universitario, entre outros.
Carmen Basandre tamén sinalou que os prezos das funcións se manteñen outro ano máis, polo que na zona A a entrada será de 10 euros e na B, de 8 euros. Así mesmo, haberá un desconto do 20 por cento para persoas desempregadas, menores de 30 anos, pensionistas e artistas membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Pola súa banda, as obras do programa 'off' terán un prezo único de cinco euros, sen posibilidade de aplicarlle desconto, e non entrarán nos bonos, que permiten acceder ás cinco funcións da sección oficial por 35 euros. Estes poden comprar dende o pasado luns 23 e ata este martes 31 de xaneiro a través do portal web www.entradaslugo.es, onde tamén se poden adquirir as entradas das funcións con ata tres horas de antelación.
Da mesma forma, as entradas pódense comprar no auditorio todos os venres, entre as 18,00 e as 21,00 horas, e o día das funcións dende unha hora e media antes do comezo do espectáculo.
PROGRAMACIÓN
Segundo explicou o Concello, a sección oficial inclúe 'La asamblea de las mujeres', 'Trabajos de amor perdidos', 'Barataria', 'A voz humana' e 'Soño dunha noite de verán'. Todas estas obras representaranse ás 20,30 horas.
Paralelamente, o sábado 18 de marzo actuará no auditorio o Teatro Negro Nacional de Praga coa 'Frauta máxica de Mozart'. As entradas para esta función, organizada por Xestión Cultural Art Music Agency, están á venda en Ataquilla.com dende 16 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.