Temas: INFORMáTICA

Quen pode ser técnico superior de Informática?

Un recurso xudicial modifica un proceso selectivo da Deputación da Coruña para técnico superior de Informática por incluír outras titulacións ademais das de Informática.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/02/2017 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña decidiu modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) despois de que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) interpuxese o pasado 26 de maio un recurso potestativo de reposición  contra a Resolución nº8221/2016, do 19 de abril do mesmo ano, pola que a Deputación convocaba o proceso selectivo para elaborar unha listaxe de “aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática”.  

Noemí Pérez, doutora na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense
Noemí Pérez, doutora na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense | Fonte: DUVI.

A razón principal do recurso foi que nas bases se fixaba como requisito “unha serie de titulacións que non garanten, en absoluto, o bo desempeño do posto”, segundo CPEIG. A Deputación da Coruña admitía no primeiro proceso selectivo, entre outros estudos, o de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, ademais da posibilidade de que tamén se puidesen presentar licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática. Deste xeito, o CPEIG solicitou no seu día que “estime e acorde establecer coma requisito estar en posesión unicamente do título de enxeñeiro en Informática, eliminando o resto de titulacións sen ningunha conexión cos postos ofertados”, como así foi finalmente.

A modificación da RPT é “un éxito compartido entre todas as colexiadas e colexiados, quen, baixo o paraugas do Colexio, loitan, día a día,  polo recoñecemento da súa profesión e estudos”, segundo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Para o máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, a Deputación da Coruña “actuou con responsabilidade” ao facer a modificación e representa todo un exemplo a emular para outras administracións públicas.

Obradoiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela
Obradoiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela | Fonte: CPEIG.
Temas: INFORMáTICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta