UVigo e Zona Franca crean a Cátedra Ardán para o avance das empresas galegas

A súa creación permitirá reforzar as capacidades do servizo de información económica e de competitividade Ardán.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/02/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, ultimaron este venres os derradeiros aspectos da nova Cátedra Ardán, que trala súa aprobación, comezará funcionar este ano na institución académica viguesa. A cátedra, que nace froito da colaboración que desde hai anos manteñen ambas as dúas institucións para ofrecer anualmente o informe económico e de competitividade sobre a empresa galega, será levada para a súa aprobación ao Comité Executivo do Consorcio que se reunirá o vindeiro luns.

José Manuel García, Salustiano Mato, Teresa Pedrosa e Rosa Eguizábal
José Manuel García, Salustiano Mato, Teresa Pedrosa e Rosa Eguizábal | Fonte: UVigo.

A creación da Cátedra Ardán permitirá, segundo Mato e Pedrosa, reforzar as capacidades do servizo de información económica Ardán, para contribuír de xeito máis eficiente e rigoroso á creación de riqueza en Galicia a través do estudo e investigación da evolución económica e dos distintos factores que determinan a competitividade de territorios e empresas.

Coa posta en marcha da cátedra regularizarase a achega de metodoloxías, análises e modelos rigorosos desde a Universidade ao Consorcio e darase estabilidade aos convenios que habitualmente se subscriben entre ambas institucións, acadando así un maior coñecemento sobre os mecanismos que favorecen o avance de empresas e sectores.

ACTIVIDADES

Entre as actividades a realizar pola Universidade ao a abeiro desta cátedra destacan o deseño de metodoloxías para a medición do desempeño empresarial, a realización de informes económicos periódicos sobre desenvolvemento empresarial e informes prospectivos sobre actividades emerxentes e a organización de actividades de difusión e promoción de Ardán para consulta e investigación.

A cadea de produción dos diferentes servizos que ofrece a plataforma Ardán está controlada polo equipo profesional do Consorcio, pero é a produción científica e o deseño de novos modelos baseados nun coñecemento moi especializado no que se precisa o apoio que a partir de agora brindará a cátedra, informa a Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta