Investigadores galegos avalan a complexidade das sociedades prehistóricas que usaban seixo

A revista Quaternary International publica un monográfico de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2017 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

Un monográfico publicado pola revista Quaternary International e editado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) avala a complexidade económica, tecnolóxica, social e simbólica das sociedades prehistóricas que empregaban o seixo para as súas ferramentas, equiparable á rexistrada nos grupos que habitaban outros territorios onde o sílex era un material frecuente, e ao cal se lle deu máis valor.

Puñal de cuarzo
Puñal de cuarzo | Fonte: USC.

Como lembra a USC, o seixo, a pesar de ser un dos minerais con maior presencia na cortiza terrestre, "foi considerado tradicionalmente polos arqueólogos como un recurso de escasa importancia, propio de sociedades arcaicas".

Con todo, os resultados deste estudo "poden considerarse como unha proba evidente da flexibilidade e capacidade de adaptación das sociedades prehistóricas aos cambios e condicionantes dos diversos territorios".

O monográfico é froito do traballo de membros do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC e do IPHES. O volume, que reúne as contribucións de especialistas nacionais e internacionais, ten a súa base no XVII Congreso Internacional da UISPP (Union International de Sciences Préhistoriques et Protohistoriques), celebrado en Burgos en 2014.

FERRAMENTAS DE PEDRA

Durante millóns de anos e ata a xeralización da metalurxia, a fabricación de ferramentas líticas "foi un aspecto fundamental da economía e tecnoloxía das sociedades prehistóricas".

Nese sentido, a investigación centrouse tradicionalmente naquelas ferramentas realizadas en sílex, dado que esta rocha presenta "unha mellor calidade para a talla, o que facilita a fabricación de pezas máis complexas e, mesmo, máis atractivas desde un punto de vista estético".

Con todo, naqueles territorios nos que o sílex é unha materia prima moi escasa —como pode ser Galicia ou o extremo Nordés da Península Ibérica— os grupos prehistóricos tiveron que recorrer a outros materiais, como o seixo.

A este mineral "prestáraselle moi pouca atención", indican os investigadores da USC, que engaden que foi considerado tradicionalmente "como un mero recurso de substitución, de mala calidade, e que non permitía obter a mesma estandarización morfológica das ferramentas que nos seus homólogos en sílex".

"Esta aproximación levou a que, nalgúns casos, se tachase de arcaicos aos grupos prehistóricos que fabricaban as súas ferramentas en seixo", apuntou a universidade.

CONTRIBUCIÓNS NACIONAIS E INTERNACIONAIS

O monográfico reúne 16 contribucións de numerosos especialistas nacionais e internacionais que abarcan "un amplo marco cronolóxico e espacial", ofrecéndose casos de estudo de diversas rexións do planeta e desde o Paleolítico Inferior ata a Idade do Bronce.

"Os traballos axudan a romper coas paradigmas tradicionais da disciplina, deixando claro o gran coñecemento que estes grupos prehistóricos tiñan sobre as características deste material e as posibilidades que lles ofrecía, chegando a desenvolver procesos de talla específicos que posibilitaron a obtención de pezas de indubidable valor estético e simbólico", apuntan os investigadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta