Temas: SERGAS SANIDADE

Ex-deputado do PP beneficiado polo concurso do 061

Un antigo deputado provincial do PP é un dos grandes beneficiados do concurso das ambulancias no que a Xustiza atopou indicios de prevaricación. Nesta investigación declarou como imputado un familiar da que fora parella de Alberto Nuñez Feijóo.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 07/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un cargo do Partido Popular é un dos beneficiados da adxudicación das ambulancias da Xunta que investiga a Xustiza. Trátase de Carlos Magdaleno Fernández, ex-deputado provincial do PP en Valladolid.

Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa
Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa

Segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, o político preside Ambuibérica. Esta empresa, unha das maiores do sector no Estado, gañou tres dos lotes do concurso de  2014 para as urxencias do 061.

O xulgado número 2 de Santiago investiga si se cometeu delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias nesta adxudicación. Segundo adiantou Europa Press, un técnico do 061 xa declarou como imputado. GC revelou que este técnico garda, segundo varias fontes, relación familiar directa coa que fora moza do presidente da Xunta, a sindicalista que sae nas polémicas fotos canda Marial Dorado.

Ademais dos tres concursos que gañou directamente, o grupo Ambuibérica logrou outros mediante filiais. Así, ten relación con Ambulancias de Pontevedra, que conseguiu dous lotes. 

O ex-alcalde de Mayorga (Valladolid) figura como administrador solidario de Ambulancias de Pontevedra. Nesa adxudicataria comparte cargo con Agustín Capón, presidente de Ambulancias As Burgas, que gañou outros dous lotes.

Unha das protestas da CIG contra a precariedade en Ambuibérica
Unha das protestas da CIG contra a precariedade en Ambuibérica

En total, as empresas relacionadas co ex-deputado ou os seus socios conseguiron seis lotes por máis de 45 millóns de euros.

A Xustiza investiga se o concurso estaba amañado. Entre os indicios que hai no sumario está un correo electrónico enviado por un técnico do 061 imputado no que facilita os planos das ambulancias que despois serían incluídos nos pregos de condicións. O denunciante, outro empresario do sector, di que neses planos aparecen os logos da carroceira de Ourense Rodríguez López SL.

As empresas que traballaron co taller ourensán, entre elas Ambuibérica, leváronse o 95% do concurso. A Fiscalía considera probado que o envío do citado email foi anterior a publicación dos pregos do concurso.  

Cando se coñeceu a resolución, a finais de 2015, varias voces erguéronse  para denunciar a relación entre o PP e Ambuibérica. A deputada Montse Prado (BNG) sinalou que “está participada na súa maior parte por unha empresa de capital risco dirixida por “un referente do Partido popular”, o alcalde do concello valisoletano de Mayorga”. Por outra banda, o sindicato CIG apuntou que “Ambuibérica ten a súa sede en Valladolid, con dirixentes ligados ao Partido Popular, e que desembarcou no sector galego favorecida polo último concurso público das ambulancias de emerxencias”. 

Os datos do Rexistro Mercantil confirman esta relación co PP. GC tentou contactar con ex-deputado para dar a súa versión, sen obter polo de agora resposta.

Tras desvelar Europa Press a investigación xudicial, o Bloque volveu á carga prometendo que preguntará ao Goberno “ata onde está disposto a chegar para favorecer a empresas amigas do PP na adxudicación de concursos públicos da Xunta”. A parlamentaria Prado asegura que “practicamente non queda empresario galego no sector das ambulancias, estando este en case a súa totalidade en mans de Ambuibérica, e iso pese a que as relacións laborais non fixeron máis que empeorar ao igual que a calidade asistencial”. O PSOE tamén dixo que levará o asunto ao Parlamento.

Fontes do sector aseguraron a GC que as ofertas de Ambuibérica eran tan baixas que parece moi difícil que poida pagar uns salarios dignos a profesionais cualificados. A CIG leva anos denunciando o incumprimento do prego de condicións polo que Ambuibérica gañou o concurso, o que en última instancia mingua a calidade do servizo público de ambulancias do SERGAS.

A Fundación 061, dependente da Consellería de Sanidade, nega calquera irregularidade no concurso. De feito, o técnico imputado continúa no seu posto.

Preguntado sobre a investigación xudicial, o presidente da Xunta saíu en defensa de que continúe no seu posto o traballador público investigado, que é  familiar da que fora a súa parella sentimental. Alberto Nuñez Feijóo tamén tentou menoscabar a credibilidade ao denunciante, lembrando que é un empresario con intereses do sector.

A xuíza Margarita Guillén declarou complexa esta investigación. Polo tanto, a súa instrución pode durar até 18 meses. 

Carlos Magdaleno Fernández, á dereita, cando era deputado electo na Deputación de Valladolid , nunha imaxe da propia Deputación
Carlos Magdaleno Fernández, á dereita, cando era deputado electo na Deputación de Valladolid , nunha imaxe da propia Deputación
Temas: SERGAS SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 PPEPPE PPODRIDO EXPPAÑOL

señores a cantidade de cartos movida en esta estafa de prevaricación e cofeito non pode ser obra dun "técnico de ambulancias" aquí teñen que estar implicadas "altos cargos e medicuchos cucuruchos do 061 "merda para cada un"" miren o que esta a pasar si os sobres como eran si eran normais o especiais tipo marijuano Rajoy ... o sobres eran gordos e moi repartidos entre os ínclitos que dominan o cotarro do 061... isto xa e a cuba de batista... A CUBA DE BATISTA, señores aquí rouban todos o PP e un partido xa investigado pola xustiza como corruPPtela pprostituida e GRAN MAFIA!!! o 061 e un-ha empresa fantasma e fantástica como sogama e outras asi calquera e empresario reciben millons de cartos da administración e despois todo son subcontratas os locutores e técnicos e as ambulancias son doutras empresas, pagan pouco e eles quedan con cartos... miren si van parar os petos do PPEppEIRO

1 Ratatatata

Cheira que arrecende toda esta historia. O que dubido é que tal (presunto) trapicheo fose iniciativa dun técnico, quen por moito email q pillaran infraganti está claro q non sabe debuxar os planos q logo ían no concurso ... Ten q vir de máis arriba, tan arriba q igual hai neve incluso.