“Os fillos dos traballadores non poden permitirse dous anos de mestrado”

O ensino medio e universitario está chamado hoxe á folga. Falamos con Iria Figueroa, de Erguer!, asociación de estudantes nacionalista, que é un dos organizadores da mobilización para reclamar a total derrogación da LOMCE. A división das mobilizacións entre a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a discriminación do galego a nivel de horas lectivas son outros dos puntos desta conversa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 16/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O PP xa tivo que aprazar as reválidas para poder formar Goberno. Por que reclaman agora a derrogación total da LOMCE?

Masiva manifestación en Vigo no día de folga xeral no ensino contra a LOMCE
Masiva manifestación en Vigo no día de folga xeral no ensino contra a LOMCE | Fonte: CIG

Erguer sempre tivo claro que o obxectivo era a derrogación plena da LOMCE para poder camiñar cara a un modelo de ensino distinto: pedagóxico, laico, en galego, baseado na avaliación continua e que garanta a igualdade de oportunidades. Isto non é posíbel no marco da LOMCE e polo tanto adiar as reválidas non é unha medida nin moito menos suficiente. A LOMCE é unha lei deseñada en base a principios de privatización do ensino público, de desaparición da nosa cultura e historia dos contidos das materias, de diminución de horas do galego como lingua vehicular e de concesión de cada vez maior relevancia á Relixión católica. Non abonda con aprazar (que nin tan sequera eliminar por completo) un aspecto da lei, precisamos un modelo de ensino radicalmente distinto.

Dado que unha boa parte dos convocados as folgas do ensino son menores de idade e non poden votar, son efectivas realmente para meter presión ao poder político? Como animaría aos estudantes do ensino medio a participar?

Por suposto que son efectivas. A mobilización social é a ferramenta das silenciadas, como somos as estudantes das clases populares galegas, para enfrontarnos ao que se nos impón e loitar por mudar a realidade na que vivimos, neste caso algo tan trascendental para a nosa formación e para o noso futuro como é o ensino. A mobilización constante durante estes anos da comunidade educativa galega revelouse como unha chave fundamental para paralizar un aspecto tan prexudicial para o estudantado como eran as reválidas, e cremos que a mobilización, combinada con outro traballo, ten que seguir sendo o noso medio para esixir a derrogación total da LOMCE e a construción dun sistema educativo propio. Nas asembleas de folga que realizamos nos centros de ensino medio percibimos cada vez máis ese descontento co modelo de ensino que se nos impón e ese desexo por se implicaren en mudar as cousas.

No referido ao ensino universitario, vostedes alertaron que para o ano pode comezar a aplicarse o decreto 3+2. Que impacto tería este decreto no acceso á formación universitaria de todas as clases sociais?

Manifestación dos estudantes polas rúas de Compostela
Manifestación dos estudantes polas rúas de Compostela | Fonte: Erguer

O impacto será máximo. A proposta presentada polos reitores ao Ministerio de Educación é que se comece a aplicar no curso 2017-18 nos graos de nova creación, para que así se vaia estendendo ao conxunto do sistema universitario. É inadmisíbel que a aplicación deste Decreto se leve a cabo, xa que supón a redución dos graos de catro anos a tres, baleirándoos completamente de contido e facendo estritamente necesaria unha maior especialización a través dos mestrados, que aumentarían dun ano a dous. Isto imposibilita o acceso á formación universitaria do estudantado de clases traballadoras, que non poden permitirse o pago de dous anos de mestrado, cuxo prezo medio de matrícula dobra o do grao. 

En Galicia pode cursar unha carreira calquera alumno que superase o ensino medio coas cualificacións requiridas ou está a producirse unha fenda entre os mozos segundo os ingresos das súas familias?

Esa fenda é cada vez máis unha realidade. Somos poucas as estudantes que non coñecemos a ninguén que se quedase sen estudar o grao que quería facer por non ter acceso a unha bolsa que é o seu medio imprescindíbel para seguir estudando, e no que se segue a recortar. A isto temos que sumar unhas bolsas de transporte totalmente deficitarias para os prezos e a frecuencia que ten o transporte no noso país, o que fai moi complicado para moitas estudantes, especialmente do rural, desprazárense para estudar a carreira que queren facer.

Que avantaxas tería para os estudantes do país que a Lei que, no seu caso, substitúa á LOMCE sexa de ámbito galego e non estatal?

Precisamos unha lei galega de educación deseñada contando coa voz dos actores da comunidade educativa para poder analizar as necesidades do noso ensino e artellar a maneira de darlles resposta. Desde Erguer sabemos que as problemáticas do ensino nos afectan de xeito particular como pobo, atacando a nosa lingua e a presenza de contidos propios nas distintas materias, e que precisamos unha lei galega que garanta a normalización do noso idioma. Se a alternativa á LOMCE que nos ofrecen é un pacto educativo entre forzas políticas españolas, que sexa unha mera maquillaxe da propia LOMCE e que sexa deseñado, de novo, de costas á comunidade educativa galega, non é unha alternativa nin moito menos válida.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, negou este luns que existan problemas de compatibilidade entre o decreto que regula o uso do galego no ensino e a Lei de mellora da calidade educativa (LOMCE). De feito Rodríguez di que o actual marco legal "posibilitou os mellores datos de coñecemento e destreza en galego, equilibrio no uso das linguas e que non haxa problemas a destacar nos centros". Cal é a súa opinión ao respecto?

O conselleiro está a falsear a realidade, que é que o alumnado da ESO ten de media 31 horas en castelán fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académicas. Esta redución do emprego do galego como lingua vehicular no ensino vén lexitimada pola propia LOMCE, que aumentou horas de materias que se prohíbe impartir na nosa lingua en detrimento doutras que si se impartían en galego, e o goberno galego non se molestou en exercer unha mínima compensación por esta cuestión.

Que organizacións son as convocantes da folga do ensino deste día 16? 

A folga estudantil é convocada pola organización Erguer. Estudantes da Galiza, e é apoiada, con concentracións tamén pola tarde, pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que Erguer forma parte xunto con varias ANPAS e á CIG Ensino como sindicato de profesorado, entre outras organizacións e asociacións.

Para o vindeiro 9 de marzo está convocada outra mobilización, neste caso pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, que tamén reclama unha nova lei para substituír á LOMCE. Que sentido ten que existan dúas Plataformas en Galicia que se mobilicen polo mesmo? Por que non é posíbel a unión? Non debilita estar separados as reivindicacións?

Desde Erguer. Estudantes da Galiza e desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público consideramos fundamentais a autoorganización da comunidade educativa galega e a existencia dun calendario propio mobilizador galego que reivindique un modelo educativo propio e que atenda ás necesidades do noso país. Erguer, como organización estudantil galega, convocou esta folga en decembro con carácter aberto para calquera outra organización que se quixese sumar, e houbo varias que decidiron apoiala. Ao ser convocada a folga estatal hai uns días, escolleuse a data do 9 de marzo, e é comprensíbel e respectábel a existencia de diversidade na loita estudantil e nas mobilizacións.  As múltiples mobilizacións da comunidade educativa galega desde que se coñeceu a aprobación da LOMCE son a demostración de que por estaren radicadas unicamente en Galiza estas non perden forza nin incidencia, senón ao contrario: amosan a oposición plena e conxunta das estudantes do noso país. 

Iria Figueroa nun congreso de Galiza Nova
Iria Figueroa nun congreso de Galiza Nova | Fonte: @Villamor1995
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

8 Feminista

Os fillos dos traballadores e as fillas das amas de casa. Que poñan ben o titular

7 comunista independentista

Non se recorda un seguimento tan cativo nunha folga estudantil. Fracaso absoluto de ERGUER-Farsantes con Preguiza e, polo tanto, do Bloque-UPG.

1 Tnt

Mama mía quedas retratado meu, perto dun 90% de alumnado seguiu a greve, pero só os preguiceiros de sempre foron as manifestacións e as protestas, os teus quedaron na cama que se estaba mello pq a clase non foron.

2 Fillares

La greve? Hai que ser paiaso. O alumnado foi hoxe de paseo aproveitando o bó tempo.

3 pañolón

¡ Tienes razón honbre ! ¡ Paña una y no cincuintaiuna !!!

6 Fartodalingua

Pues que se pongan a trabajar o hagan una FP. Es lo que hay y lo que seguramente sea mejor para ellos y para el país.

1 Balbino

Claro os fillos de obreiros a traballar polo comida para fillos da g.r.a.n P.u.t.a coma ti

2 FUN_EU

Moi ben; pero para que todos teñamos as mesmas oportunidades, poñémoste a traballar a ti, Fartodalingua, ao mesmo tempo. Se non és capaz de traballaren coma calquera a pico , pá, sacho, arado, carretilla, secretario, etc. a facer curso con soldo de aprendiz. Basta xa de pontificadores mamandurriantes que o único que fan e vender, falar e andar de vagos.

5 balbino

Que "calidade" (vagos, liberados, aspirantes a trepas, upegallos...)de comentarios en contra destes rapaces que saen a rúa polo que é un atropelo, a privatización da universidade, máis claro non pode ser, lástima que só protesten na rúa as xuventudes nacionalistas, onde está a esquerda española? que coincidente e o pensamento destes comentaristas de foros co discurso da dereita non? o que eu penso e que sodes xente do máis rancio PP camuflada que cando vos aburrides de leer OKdiario, ABC e demáis vindes a tocar a gaita aqui.

1 😂

Jajajajajajajajajaja Belvino!

4 Awdd

Esta ten boas mestras na Pontón, Ana Miranda etc, ...aspirando a trepar sen traballar na vida e vivindo por conta dos nosos impostos...

1 Santi

jajajajajajajajajajaja estou ben seguro que a hora traballada de quen nombras esta peor pagada e os cartos ben merecidos e empregados que os borreguiños que tanto criticades.