Tropezón inesperado do Leyma

Un precipitado Básquet Coruña perde 62-71 co CB Clavijo, coa peor marca de anotación deste curso en Riazor. Debutou Justin Johnson, substituto de Dago Peña. Este sábado, Oviedo-Breogán e derbi Marín-COB na Raña.

Por gcdeportes | A Coruña | 18/02/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Leyma Coruña 62:
Zach Monaghan (10), Ángel Hernández (2), Larry Abia (2), Zyle (8) e Sergio Olmos (12) –cinco inicial- Filip Djuran (12), Javi Lucas (4), Joan Creus (6), Justin Johnson (4) e Sabonis (2).
CB Clavijo 71: Garrido (15), Pressley (2), Galarreta (10), Adrián Laso (2), Kupsas (3) –cinco inicial- Alberto Martín (18), Birgander (7), Andre Norris (8), Bonifant (3) e Carles Bravo (3)
Parciais: 17-18, 14-27 (31-45), 18-13, 13-13 (62-71).
Árbitros: Germán Morales Ruiz e Asier Quintás Álvarez. Sen eliminados.
Incidencias: partido da xornada 24ª da LEB Ouro no pavillón de Riazor ante preto de 3.000 espectadores.

Con moita precipitación. “Un exceso de estilo”, defendeuse Tito Díaz. Un pésimo partido en ataque. Nos últimos catro minutos e medio antes do descanso, só dous tiros libres de Olmos e un parcial de 2-17; nos primeiros cinco minutos do último acto, só unha tripla de Joan Creus. Tarefa imposíbel para un errático Básquet Coruña, que caeu 62-71 ante o CB Clavijo do galego Antonio Pérez Caínzos, que chegaba a Coruña con só 6 vitorias na liga. Os 62 puntos son a peor anotación dos coruñeses na casa neste curso. O Leyma queda con 14 vitorias e a vindeira semana visita Burgos.

Larry Abia anotou a primeira canastra pero dúas triplas de Garrido e Galarreta puxeron por diante aos rioxanos (4-8). Básquet Coruña volveu recuperar a iniciativa e Djuran anotou a primeira tripla, pero unha mala defensa coruñesa permitiu a tripla de Carles Bravo para pechar o cuarto 17-18.

Zach Monaghan tenta a entrada a canastra ante o xigante lituano Kupsas.
Zach Monaghan tenta a entrada a canastra ante o xigante lituano Kupsas. | Fonte: @basquetcoruna

Dúas triplas de Djuran e Creus mantiñan a igualdade no partido, e Justin Johnson, substituto de Dago Peña, debutou con 4 puntos para poñer o 29-28. Pero o Leyma desapareceu da pista, frouxo en defensa e precipitado en ataque, e Clavijo acadou un parcial de 0-10 tras dúas triplas consecutivas de Alberto Martín. Tito Díaz parou o partido, pero o rival ampliou o parcial ata 2-17 e ao descanso gañaba 31-45.

A base de apertar en defensa e a base de triplas (dúas de Djuran e outra de Monaghan), o Leyma loitaba por meterse no partido (46-54). Clavijo parou o partido e Monaghan anotou outra tripla (49-56), pero foi o máis preto que chegou a estar o Leyma. Ao final do terceiro asalto, 49-58.
Os de Tito Díaz só anotaron unha tripla (Joan Creus) nos primeiros cinco minutos do último acto, e aínda así desperdiciaron varias triplas e varios ataques para meterse na pelexa co marcador en 52-61. Alberto Martín anotou outra tripla (MVP do choque con 18 puntos) e Clavijo sentenciou o partido cun 52-66 a 4:24 do remate. Tito Díaz parou o partido pero seguiu a precipitación e non houbo reacción coruñesa. Ao final, 62-71, segunda derrota consecutiva do Básquet Coruña.

Este sábado xogan o resto dos equipos galegos na LEB Oro: haberá derbi na Raña (20.00 horas) entre Marín Peixegalego (6 vitorias) e Ourense Provincia Termal (13 vitorias) e o Breogán (14 vitorias cun partido aprazado), visita Pumarín (18.30 horas), a difícil pista dun dos líderes da competición, Oviedo (16 vitorias).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta