USC e o Colexio de Licenciados en Filosofía, Letras e Ciencias crearán unha bolsa de traballo e accións de cooperación

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Colexio Social de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) subscriben un convenio de colaboración a partir do que impulsarán diversas accións culturais, científicas e relacionadas, ademais, á regulación das prácticas externas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2017 | Actualizada ás 13:46 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Colexio Social de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) subscriben un convenio de colaboración a partir do que impulsarán diversas accións culturais, científicas e relacionadas, ademais, á regulación das prácticas externas.

Entre as medidas máis destacadas ao amparo deste acordo executaranse proxectos e programas en materia de I+D e programas de formación de persoal investigador e técnico. Ademais, crearase unha bolsa de traballo para licenciados, graduados e doutores e estableceranse convenios para regular a realización de prácticas académicas externas.

Trátase, en concreto, dun acordo marco co fin de impulsar novos convenios específicos, cunha vixencia duns dous anos, cuxo cumprimento vixiará unha comisión mixta de seguimento.

En rolda de prensa, a decana do CDLG, María del Carmen García Cabezudo, destacou que levan "tres ou catro anos esperando este momento" de "alegría inmensa" para a entidade, esperando en que este acordo sexa "frutífero no futuro" e permita abrir o "abanico" de saída laboral dos titulados, entre outros obxectivos.

Neste sentido, destacou que a filosofía e mentalidade dos graduados "cambiou moitísimo" co tempo, abríndose a novos ámbitos laborais, como empresas de arqueoloxía ou valoración de arte, e non só a presentación a oposicións, "arriscándose" mesmo na creación de empresas.

Finalmente, o reitor da USC, Juan Viaño, valorou este tipo de acordos de colaboración que "redundan no beneficio dos estudantes", e abre "enormes posibilidades" á hora de levar a cabo diversos proxectos e programas para os alumnos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta