Santiago lembra a Rosalía, a "filla de pais incógnitos"

A homenaxe tivo lugar onde hai 180 anos "entrou unha nena que viña sen pais, acompañada por unha criada" para ser bautizada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2017 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela rendeu homenaxe este venres 24 de febreiro a Rosalía de Castro coa tradicional ofrenda floral no monumento na súa honra situada no paseo da Ferradura da Alameda e cun acto celebrado na capela do Hostal dos Reis Católicos, onde a escritora nada na capital galega foi bautizada hai 180 anos como "filla de pais incógnitos".

Valentín García, Anxo Angueira e Martiño Noriega, entre outros participantes, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Compsotela
Valentín García, Anxo Angueira e Martiño Noriega, entre outros participantes, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Compsotela | Fonte: EP

Alí, logo da ofrenda no monumento á poetisa --centenario desde o pasado xoves--, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presidiu un acto de homenaxe que tivo lugar no mesmo sitio no que "hai 180 anos entrou unha nena que viña sen pais, acompañada por unha criada" para ser bautizada.

Rosalía, "filla de pais incógnitos" que "con talento e compromiso cun pobo" transformou "aquela mañá triste" nunha "alborada de gloria", converteuse no expoñente máis universal das letras galegas e cuxa figura é capaz de "unir" con "optimismo e ilusión" a toda a sociedade de Galicia.

O acto contou coa presenza dos rexedores de Santiago --Martiño Noriega--, Padrón (A Coruña) --Antonio Fernández Angueira-- e Rianxo (A Coruña) --Adolfo Muíños--; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García; así como alumnos do Instituto Rosalía de Castro e Santiago e representantes de distintas organizacións como a RAG, Puntogal, as Pementeiras de Herbón, as fundacións de Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

POESÍA E MÚSICA

Un a un, os participantes pasaron polo escenario para ler algúns dos poemas de Rosalía nun acto que tamén contou coa actuación de Ialma e Os Carapaus, que musicaron os versos dunha muller que, do mesmo xeito que a súa patria Galicia, "non só sobreviviu" fronte á adversidade, senón que "conseguiu ser feliz".

A emigración, a súa reivindicación como muller, a patria, a xustiza ou a lingua; todos os temas presentes na obra de Rosalía de Castro foron tocados durante a homenaxe deste venres.

Os actos de celebración do Día de Rosalía 2017 complétanse na tarde deste venres na Casa Rosalía de Padrón, onde se elaborará "o caldo de gloria" que quedou inmortalizado nun dos seus poemas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta