Aspas rescata un punto

O dianteiro de Moaña, que entrou na última media hora, marca de falta directa e o Celta, no que o meta Rubén Blanco foi o mellor, empata 1-1 no Molinón ante un Sporting que acabou con dez. O mércores, nova xornada de Liga co Espanyol en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 26/02/2017 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Sporting de Xixón 1:
Cuéllar; Douglas, Jorge Meré, Canella, Amorebieta; Moi Gómez, Sergio Álvarez, Mikel Vesga; Carmona (Lillo, 80’), Burgui (Xavi Torres, 72’) e Traoré (Cop, 85’).
RC Celta 1: Rubén Blanco; Roncaglia, Sergi Gómez, Fontàs (Tucu Hernández, 68’), Carles Planas; Chelo Díaz, Radoja, Jozabed (Iago Aspas, 59’); Josep Señé, Théo Bongonda e Giuseppe Rossi (Claudio Beauvue, 78’).
Goles: 1-0: Moi Gómez, de penalti (minuto 48). 1-1: Iago Aspas (74’)
Árbitro: De Burgos Bengoetxea. Expulsou a Jorge Meré por vermella directa no minuto 73. Amarelas a Fontás (55’), Chelo Díaz (56’) e Roncaglia (90’) no Celta e a Amorebieta (57’) e Cuéllar (90’) no Sporting.
Incidencias: partido da 24ª xornada de Primeira División no estadio do Molinón ante 24.616 espectadores, entre eles 800 seareiros celestes. Reapareceu Claudio Beauvue dez meses despois da súa lesión.

O balón entra na rede e Aspas corre para celebrar o empate no Molinón.
O balón entra na rede e Aspas corre para celebrar o empate no Molinón. | Fonte: lfp.es

O Sporting foi mellor que un Celta case indolente durante 60 minutos, pero aos celestes chegoulles coa saída de Iago Aspas, que revitalizou o equipo galego na última media hora e marcou de falta directa, para rescatar un punto nun partido no que o meta Rubén Blanco foi o mellor dos celestes. Os de Berizzo, que acusaron os efectos da xesta en Ucraína, sumaron un punto no Molinón, e o mércores reciben o Espanyol en Balaídos décimo na táboa con 34 puntos.

O Sporting pasou por riba do Celta na primeira hora de partido, pero Rubén Blanco evitou o gol dos asturianos. O meta galego fixo paradóns a remates de Carmona, Traoré e Burgui nos primeiros quince minutos, ante a falta de intensidade defensiva dos celestes. No ecuador da primeira metade, Moi Gómez executou un potente disparo preto do pau dereito da portaría celeste. O Celta aguantou como puido o ballón, e estirouse tras case media hora de partido. Rossi, Bongonda para a parada de Cuéllar e Roncaglia tentárono, pero sen moita convicción.

Nada máis arrincar o segundo tempo, o Sporting atopou o merecido premio ao seu xogo, pero tivo que ser de penalti, trala derruba de Carles Planas a Carmona. Moi Gómez fixo o 1-0 dende os once metros, e Burgui e Traoré tiveron ocasións para facer o segundo. Co marcador en contra, Toto Berizzo meteu no campo a Iago Aspas por Jozabed, e pouco despois a Tucu Hernández por Fontàs. Todo mudou tras un erro defensivo do Sporting que obrigou a Jorge Meré a facer falta sobre Bongonda cando era o último defensor, sendo expulsado. A falta lanzouna Iago Aspas, que firmou o empate cun disparo raso entre a barreira, o primeiro disparo entre os tres paus do Celta no segundo tempo.

Co 1-1 e superioridade numérica, os de Berizzo pasaron a dominar o encontro, e Tucu Hernández puido facer o segundo apenas tres minutos despois. Reapareceu Claudio Beauvue nos últimos quince minutos, pero o Celta tivo que conformarse cun empate. Suma 34 puntos, na décima posición, e conta cun partido (Real MAdrid) aprazado.

Claudio Beauvue reapareceu co Celta dez meses despois da súa lesión.
Claudio Beauvue reapareceu co Celta dez meses despois da súa lesión. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta