Por Galicia Confidencial | Cee | 02/03/2017 | Actualizada ás 10:25
Que é a praga da pataca?
A couza guatemalteca da pataca está provocada polo organismo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny.
Que danos provoca?
A praga, que non afecta á saúde humana, provoca importantes perdas de produción. As larvas escarvan profundas galerías nas patacas producindo a depreciación total da mesma e favorecendo que apodrezan. Causan danos tanto no campo como no almacén.
De onde procede esta praga?
Esta couza é orixinaria de Guatemala e introduciuse en Canarias en 1999 a través dunha partida de patacas infectadas, polo que os científicos sospeitan que o insecto chegou en barco á costa da Coruña e Lugo.
A que municipios afecta?
Están afectados pola praga da pataca os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña e os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova na provincia de Lugo. En Asturias tamén afecta a varios concellos da comarca do Eo-Navia. Aquí están prohibidas as prantacións de patacas nestes 31 municipios.
Canto tempo dura a prohibición?
Os terreos afectados estarán dous anos en corentena.
Que medidas hai para evitar a expansión da praga?
Ademais da prohibición das plantacións, destruíronse case sete toneladas de tubérculos contaminados, colocáronse trampas para capturar o insecto e aplicáronse métodos fitosanitarios. A maiores, a consellería de Medio Rural tamén inclúe pautas a seguir por transportistas e almacéns de venda para evitar a propagación da peste.
Cando apareceu a praga en Galicia?
A praga da pataca detectouse en Galicia en agosto de 2015 onde só estaban afectados tres concellos da comarca de Ferrolterra. Foi o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo o que descubriu a praga.
Que organismos deben controlar a praga?
O Ministerio de Agricultura ten pendente de aprobar un real decreto con medidas que impidan a propagación da praga a outras zonas. Mentres, a Consellería de Medio Rural publicou no DOGA do pasado 6 de febreiro unha resolución na que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga e se prohibe a plantación do tubérculo nas mesmas.
Que consecuencias ten a epidemia para o consumidor final?
En zonas como a da Limia, o custe da pataca pasou do 0,25€ o quilo a rondar os 0,40€. A praga xúntase coa escasa produción a nivel nacional durante a colleita pasada o cal eleva o prezo do tubérculo.
Que opina a oposición sobre a xestión da Xunta de Galicia?
A oposición critica a “falta de previsión” da consellería de Medio Rural para evitar a expansión da Tecia Solanivora, que no 2015 foi detectada en tres concellos da comarca de Ferrolterra e que pouco máis dun ano despois expandiuse a 31 municipios. Así, Xosé Luis Rivas, do Bloque Nacionalista Galego, criticou que “as medidas do goberno da Xunta reveláronse ineficaces” e lembrou que nas zonas afectadas “o sentimento entre os produtores é de desamparo e de incerteza”. Pola súa banda, José Antonio Quiroga, do grupo socialista, preguntoulle á conselleira” ¿Por que non se actuou antes de empezar a sementar as plantacións?”, xa que nas zonas demarcadas moitos produtores xa plantaron as patacas de cedo.
Do medio colaborador quepasanacosta.gal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.