Ana Peleteiro, récord e quinta

A atleta ribeirense, cun mellor salto de 14,13 metros, queda a tan só 11 centímetros do podio na final do triplo salto dos Europeos en pista cuberta de Belgrado, O venres na clasificación fixera a mellor marca da súa carreira con 14,20 metros.

Por gcdeportes | Compostela | 04/03/2017 | Actualizada ás 09:54

Comparte esta noticia

Pode darse por satisfeita, coa súa mellor marca persoal e o regreso á elite do atletismo. A galega Ana Peleteiro rematou quinta na final de triplo salto do Campionato de Europa de atletismo en Belgrado, cun mellor salto na final de 14,13 metros, a tan só 11 centímetros do podio. Era, con 21 anos, a máis nova das oito finalistas.

Coa confianza adquirida na clasificación con ese espectacular salto de 14,20 metros, comezaría Ana Peleteiro o concurso cun magníficos 14,13 metros, moi preto da súa mellor marca e o terceiro mellor salto a nivel persoal. Logo arriscou en busca da medalla, pero non lle saiu o salto do podio. Nulos os dous seguintes, 13,72 no cuarto e 13,65 no quinto. “Non estou satisfeita. Estaba moi cansa. Como eramos só oito na final, todo ía superrápido, pero así é a competición. Dino todo no último salto (sexto e nulo), creo que valía medalla, pero na próxima cita darei máis”, dixo unha inconformista Ana Peleteiro, que xa pensa na volta ao traballo despois de descansar uns días coa familia.

A final foi gañada pola xermana Kristin Gierisch con 14,37 metros; prata foi a portuguesa Patricia Mamona con 14,32 e bronce a grega Paraskevi Papahrístou, con 14,24. A cuarta foi a polonesa Anna Jagaciak, con 14,14. E despois Ana Peleteiro con 14,13.

Ana Peleteiro, á final dos Europeos con récord persoal de 14,20 metros.
Ana Peleteiro, á final dos Europeos con récord persoal de 14,20 metros. | Fonte: @RFEA

A clasificación do venres

“Levaba catro anos con esa marca aí e non me deixaba ser completamente feliz”, recoñeceu emocionada tras acadar o salto que levaba case cinco anos buscando repetir. Na terceira tentativa, no arrinque do Campionato de Europa de pista cuberta no Kombank Arena de Belgrado, a galega Ana Peleteiro foise ata os 14,20 metros, o mellor salto de toda a súa carreira, mellorando en tres centímetros a súa marca con 16 anos en Barcelona'2012.

Con este sensacional rexistro, a atleta do Barbanza acadou a terceira posición na clasificación, encabezada polas xermanas Jenny Elbe, con 14,27, e Kristin Gierisch, con 14,26 metros, e deixando serias posibilidades de acadar medalla nuns Europeos absolutos na final do sábado.

Unha Ana Peleteiro moi motivada chegaba a Belgrado con ganas de demostrar que o acadado hai cinco anos no Campionato do Mundo júnior en Barcelona non fóra unha casualidade. A agora discípula de Iván Pedroso, asentada en Guadalaxara, debutou en competición cun nulo, foise logo ata os 13, 90 metros e gardou o mellor para o final, volando ata eses espectaculares 14,20 metros, plusmarca española sub-23 e a segunda mellor marca española de todos os tempos, que acredita Carlota Castrejana con 14,64 metros dende 2007.

“Dende que estou adestrando con Iván Pedroso o cambio foi espectacular. Abriuse unha porta chea de luz para min e estou disposta a cruzala e ir a por todas”, dixo a atleta galega na zona mixta, moi motivada para facer algo grande na final.

A que non puido meterse na final foi a canguesa Solange Pereira, que foi cuarta na súa serie de 1.500 metros cun tempo de 4:15.09. Na súa primeira participación nun Europeo en pista cuberta, quedou fóra da final, para a que só se clasificaban as dúas primeiras de cada serie e os tres mellores tempos (4.12.81). “Que duro y difícil es el atletismo! A pesar de no haber estado todo lo bien que quisiera, estoy contenta con mi carrera. A seguir aprendiendo!”, escribiu Soli Pereira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta