As universidades de Vigo e Porto unen esforzos para combater mareas negras

Poñen en marcha o proxecto SpilLess, canda as empresas ACSM, Biotrend e Marli, no que se empregarán uso vehículos autónomos non tripulados cos que aplicar biorremediación en zonas afectadas por verteduras de petróleo ao mar.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/03/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

SpilLess (First-line response to oil spills based on native microorganism cooperation) é un novo proxecto europeo liderado polo Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Ciimar) da Universidade do Porto, en colaboración coa INESC TEC, da mesma Universidade, o grupo Geoma da Universidade de Vigo e as empresas ACSM, Biotrend e Marli. O obxectivo desta aposta conxunta, multidisciplinar e internacional, é desenvolver servizos e produtos con valor comercial para responder a incidentes no mar provocados por verteruras de petróleo.

Voluntarios durante a catástrofe do Prestige
Voluntarios durante a catástrofe do Prestige

Este consorcio foi seleccionado na convocatoria europea Blue Labs, un programa que elixiu tan só catro propostas de toda Europa relacionadas co crecemento azul, estando a Universidade de Vigo presente en tres delas. O seu arranque inicial tivo lugar esta semana en Porto cunha xuntanza na que participaron os representantes de todas as entidades implicadas.

O proxecto SpilLess ten unha duración de dous anos e un financiamento 370.00 euros e nel conflúen seis socios, tanto organismos públicos como compañías privadas, principalmente de Portugal e España, pero con participación tamén dunha empresa norueguesa.

A profesora Ana Paula Mucha, do Ciimar, é a coordinadora xeral dun proxecto que pretende desenvolver unha solución integrada que permita responder a vertidos de petróleo empregando microorganismos nativos con capacidade para biodegradar petróleo (biorremediación) e a súa incorporación en vehículos autónomos non tripulados que permitan a súa aplicación nas zonas afectadas polos incidentes de contaminación.

"Esta nova visión rápida, eficaz e de baixo custe pode ser usada como unha primeira liña de resposta a verteduras de petróleo asociadas a accidentes con barcos, plataformas offshore de petróleo, portos ou outros complexos industriais", explican os investigadores do proxecto.

O grupo Geoma representa á Universidade de Vigo neste proxecto, coa profesora Ana Bernabeu á cabeza. Os científicos e científicas vigueses liderarán un dos oito paquetes de traballo e encargaranse, por unha banda, de identificar as limitacións ambientais da biorremedicación, eido no que teñen unha ampla experiencia previa e, por outra, de definir nos diferentes puntos de traballo de campo as condicións ambientais para que o drones teñan “unha operatividade moito máis eficiente”.

MICROBIOLOXÍA E ROBÓTICA

O proxecto comprende dúas liñas de traballo moi difenciadas, onde microbioloxía e robótica combinarán as súas potencialides para loitar de forma eficiente e rápida contra a contaminación mariña. Por un lado efectuarase a produción a grande escala de consorcios microbianos nativos para biorremediación e de mesturas de nutrientes para a súa bioestimulación (rápido crecemento). Por outro lado, traballarase na adaptación de vehículos autónomos non tripulados, tanto superficiais como submarinos, para o transporte e liberación destes organismos nas zonas afectadas.

Voluntarios durante a catástrofe do Prestige
Voluntarios durante a catástrofe do Prestige

Explican os investigadores que esta tecnoloxía constituirá un sistema de combate aéreo, superficial e submarino, que poderá operar en condicións meteorolóxicas desfavorables e severas, con baixa intervención humana. “Queremos que se xere un sistema produtivo eficiente, de xeito que cando exista unha marea negra poida haber unha resposta inmediata a nivel de xeración deses organismos”, destaca Bernabeu.

Na recta final do proxecto levaranse a cabo probas in situ, e os membros do consorcio barallan a posibilidade de facelas no porto de Ferrol, así como en contornas naturais de diferentes características, tanto de rochas como de areeiros, para testar como actúan tanto os microorganismos como os vehículos non tripulados nas diferentes condicións.

Prevese que na recta final do proxecto se dispoña de diferentes produtos, como unha biblioteca de consorcios microbianos nativos para biorremediación, mesturas de aditivos para estimular a actividade destes microorganismos, dispositivos para incorporación destes axentes en vehículos aéreos, de superficie e submarinos e un protocolo integrado para aplicación desta ferramenta. Estes produtos serán facilitados como unha solución do tipo "chave en man" para o combate a incidentes de contaminación marítima con petróleo, informa a Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta