Temas: CINE CINEMA

O mellor cine galego comtemporáneo en Sarria

A Escolma de Cinema Galego celebra mañá en Sarria a súa segunda edición cun completo programa de actividades que achegarán á vila luguesa unha manchea de filmes galegos recoñecidos internacionalmente pero aos que aínda non tivera acceso o público da provincia. A entrada ás proxeccións, ao concerto e á mostra fotográfica é libre e gratuíta ata completar o aforo.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 17/03/2017 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

A segunda edición da Escolma comezará ás 12h30 na Sociedad Cultural "La Unión" coa proxección do documental Os días afogados, que narra o proceso de expropiación das súas vivendas e terreos que viviron os veciños das aldeas de Aceredo e Buscalque (en Lobios, Ourense). Despois, haberá vermú e conversa cos directores Luis Avilés Baquero e Cesar Souto e máis co produtor, o lugués Iván Patiño. Xa pola tarde, a Casa da Cultura acollerá ás 16h30 a proxección de A viaxe dos Chévere, o documental no que Alfonso Zarauza narra o desterro da compañía -Premio Nacional de Teatro- que marchou de Compostela acosada polo exalcalde da cidade, Gerardo Conde Roa. Ao rematar, o director e o coñecido actor Miguel de Lira conversarán co público.

Mirando ao encoro no filme Os días afogados
Mirando ao encoro no filme Os días afogados

Ás 18h15 proxectarase No Cow on the Ice (Non hai vacas sobre o xeo), o diario filmado no que Eloy Domínguez Serén narra as súas vivencias en Suecia, os seus traballos para sobrevivir e as súas experiencias co amor, coa lingua e coa paisaxe. O director falará ao remate co público sobre esta película, na que moitos mozos e mozas da comarca se verán identificados. Finalmente, ás 20h00, proxectarase Mimosas, a película coa que Oliver Laxe conquistou o Gran Premio da Semana da Crítica do último festival de Cannes, ademais de varios galardóns noutros prestixiosos festivais internacionais como o de Sevilla ou o de Cairo. 

A partir das 23h30, a Escolma volve á "La Unión" para botar o peche coa música pop electrizada e sensible con letras en galego dos Chicharrón e máis de Pantis, o novo proxecto do ex Telephones Rouges Rubén Dominguez.

Unha mostra fotográfica

As fotografías coas que Toño de López documentou na primeira edición da Escolma o encontro dos novos cineastas galegos cos espazos nos que nalgún momento da Historia se proxectou cinema en Sarria acompañarán esta edición dende as paredes da Casa da Cultura. O artista sarriao inaugurará o mesmo sábado unha mostra de cinco fotografías que darán boa conta do roteiro que os cineastas realizaron o ano pasado polo Casino de Sarria, a Casa Acevedo, o Cine Salón ou Cine Barbagelata, o Cine Cissa, o Cine Capitol e as propias Casa da Cultura e La Unión.

O cinema volve a Sarria

A Escolma de Cinema Galego en Sarria naceu co obxectivo de visibilizar a creación audiovisual contemporánea ao tempo que diversifica a amplía a actividade cutural do concello de Sarria. Un concello, que a pesar de ter unha poboación media e de contar ao longo da súa historia con ata media ducia de salas de proxección, na actualidade carece de cine. Na súa primeira edición converteu Sarria no epicentro do "Novo Cinema Galego", recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras como unha nova corrente contemporánea e vangardista que acada ano tras ano multitude de premios a nivel internacional. Fíxoo enchendo de público a Casa da Cultura da vila durante tres días, nos que se proxectaron unha ducia de fitas e se celebraron varias conversas e actividades con dez premiados cineastas. Nesta ocasión, a mostra redúcese de tres días a un, xa que a Deputación de Lugo non confirmou o seu apoio e os custes desta actividade cultural para a cidadanía sarriá e dos concellos do sur da provincia teñen que ser asumidos integramente pola Concellería de Cultura do Concello de Sarria. 

Temas: CINE CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta