Camila Alonso, campioa Iberoamericana

A triatleta ferrolá revalida o título de campioa Iberoamericana en Uruguai tras dominar a proba en distancia esprinte de principio a fin. O compostelán Antón Ruanova foi cuarto e Uxío Abuín, sétimo, en categoría masculina.

Por gcdeportes | Compostela | 20/03/2017 | Actualizada ás 08:39

Comparte esta noticia

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) revalidou este domingo en Montevideo (Uruguai) o título de campioa Iberoamericana de tríatlon, nunha proba disputada sobre distancia esprinte e que controlou de principio a fin a ferrolá. En categoría masculina, o compostelán Antón Ruanova, que agora compite por Brasil, foi cuarto e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) rematou na sétima posición.

Camila Alonso, na liña de meta, coas outras dúas triatletas do podio.
Camila Alonso, na liña de meta, coas outras dúas triatletas do podio. | Fonte: @FEGATRIPM

A gran alegría da xornada chegou da man de Camila Alonso. A triatleta do Grupo de alto rendemento do CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva) estivo sempre moi ben colocada. Rematou os 750 metros da natación –que se fixo sen neopreno- na terceira posición, a pouco máis de dez segundos da brasileira Vittoria Lopes.

No ciclismo, estivo en cabeza durante os 20 quilómetros, xunto a Lopes, e lograron unha vantaxe de máis dun minuto sobre o grupo principal na chegada á T2. Así, todo se decidiu na carreira a pé, onde a galega foi moi superior á brasileira e puido gozar na súa chegada en solitario á meta, saudando ao público, cun tempo de 1h:02:30. Emoción na loita polos outros postos de podio, que se decidiu ao esprinte e na foto-finish. Segunda foi a mexicana Adriana Barraza (1h:03:07), mentres que a ecuatoriana Elizabeth Bravo acadou a terceira praza co mesmo tempo.

Posteriormente celebrouse a proba masculina, na que Uxío Abuín comezou moi ben colocado, ao saír da auga na terceira posición. Pero na bicicleta perdeu uns segundos preciosos, que o deixaron un pouco descolgado na T2. E na carreira a pé non puido remontar, polo que finalizou na sétima posición cun tempo de 58:02: Mentres, o compostelán Antón Ruanova, que agora compite con licenza de Brasil, foi cuarto (57:52), a só sete segundos do podio. O título foi para o brasileiro Manoel Messias cun tempo de 57:20.

Camila Alonso, primeira, e Uxío Abuín, sétimo, na proba no Uruguai.
Camila Alonso, primeira, e Uxío Abuín, sétimo, na proba no Uruguai. | Fonte: @TRIATLONSP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta