Patético espectáculo do PP de Ourense

Tíñame prometido a min mesmo non escribir nada sobre o congreso do PP de Ourense que se vai celebrar estes días. Fixérame esta proposición porque considero que deben ser unicamente os membros do Partido Popular os que opinen sobre este proceso.

Por Eladio Osorio | Castro Caldelas | 28/01/2010

Comparte esta noticia

Pero hoxe vou romper aquelo que me prometera a min mesmo, e vouno facer porque creo que o que están a facer estas persoas do PP transcende dende hai moito tempo ó meramente interno.

Hai tempo que un candidato apostou pola “Obamización” desta campaña, é dicir converter este proceso de primarias practicamente nun proceso electoral aberto a toda a cidadanía. Procurou acaparar todas as fotos, todas as portadas, todas as noticias ofrecendo grandilocuencias. Pero todo esto estase a volver na súa contra. Pensou ter a todos os medios de comunicación a súa beira, e hoxe por hoxe hai uns cantos que teñen aberta unha guerra particular contra el.

O outro candidato, o que saía como perdedor, empregou habilmente a varios medios de comunicación para botar lixo por riba dos do sector da boina, e está a saírlle ben, pero posiblemente esto se volva contra el e contra o seu partido.

Nestes días teño escoitado algunhas palabras sempre das súas bocas, e nunca das bocas dos adversarios políticos que son de xulgado.

Téñense dito que hai traizóns, manipulacións, roubo de votos, trampas, emprego de recursos públicos, compra de vontades, enchufismo de compromisarios, ... Pero casualmente esto non o dicimos os socialistas, estas verbas saen das bocas dos propios membros do PP.

É moi curioso ver estes días polas rúas de Ourense como algúns que antes eran amigos agora de torcen a cara ou cruzan de beirarrúa para non atoparse de fuciños cos seus piores inimigos.

Téñense pedido ata observadores porque uns non se fían dos outros neste proceso. Estes días polas rúas de Ourense a coña máis xeneralizada é falar de se xa se deixaron ver os cascos azuis da ONU polo arredor da sede do PP.

Pero voltando á seriedade, outra vez se abre a fenda que nunca supurou da dereita ourensana, esa da boina e do birrete, esa de Baltar e Feijóo, esa dos de Alianza Popular e Centristas de Galicia.

E esto, a pesar do que auguran algúns, non se cura con “Betadine”, aquí fan falla puntos de sutura porque a ferida é grande e moi fonda e o ambiente non é o propicio para que se faga unha costra.

O que aconteza o vindeiro día 30 é unha incógnita. Os baltaristas sempre pensaron que esto sería un camiño de rosas, e cada vez estase a facer máis costa arriba. Tan costa arriba que eu estou convencido que o que saía vencedor do congreso do PP vai a ser pola mínima, e pode ser calquera. Ademais sempre pendurará esa espada de Damocles sobre a cabeza do PP de se hai escisión do “centristas” ou se se volve a producir o peche no piso como xa fixeran aqueles apodados pola “bando do nene”.

De todos os xeitos, polo ben da provincia, que é polo que temos que loitar, espero que  remate pronto todo este espectáculo bochornoso. Pero auguro que vai a tardar moitos anos en deixar de supurar esta ferida que non estaba pechada e na que non parar de furgar estes días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Eladio Osorio Asesor do Grupo Socialista da Deputación de Ourense. Concelleiro en Castro Caldelas do 91 ó 99 e de 07 ata hoxe. secretario Comarcal do PSdeG-PSOE de Trives-Caldelas do 04 ó 09. Secretario xeral do PSdeG-PSOE de Castro Caldelas e Secretario de Acción Electoral do PSdeG-PSOE de Ourense. O seu blog