Temas: AMTEGA AGADIC

A Xunta culpa de “incumprimento flagrante” das bases aos festivais que quedaron sen axudas

Un informe da Agadic conclúe que só un dos cinco eventos tentou facer o rexistro telemático obrigatorio e defende que "non se pode falar dun defecto de forma".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2017 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Un informe encargado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) conclúe que só un do cinco festivais de cinema que quedan sen axuda da Xunta tentou facer o rexistro telemático obrigatorio. De tal forma, a Consellería de Cultura sostén que "o feito de que estes festivais non fosen admitidos na convocatoria de axudas de Agadic a festivais audiovisuais non responde a ningunha decisión unilateral nin arbitraria". Por iso, considera que "tampouco se pode falar dun defecto de forma, senón dun incumprimento flagrante do estipulado nas bases".

Festival de Cans 2013 - E Colquhoun
Festival de Cans 2013 - E Colquhoun

Esta semana, o Festival de Cans denunciou que a Xunta "castiga" a este certame sen axudas, e aseguraba que se debía a un "defecto de forma", "propiciada por problemas no acceso á sede electrónica da Xunta" ao ter problemas co rexistro. Tamén lamentaba Cans que as axudas deixan fóra a Cineuropa e Curtocircuíto en Santiago, ao Freakcinema da Coruña, así como a Primavera de Cinema de Vigo.

Con todo, segundo argumenta a Xunta, no informe da Amtega, que identifica calquera movemento que se fai no sistema de xestión telemática das axudas —queda rexistrado na bitácora ou 'log'—, consta que só o festival Primavera de Cinema de Vigo realizou "algúns movementos na plataforma" e tentou facer o rexistro, "pero non se chegou a finalizar o trámite de presentación nin se comunicou ningunha incidencia".

En cambio, dos outros catro —Cans, Curtocircuíto, Cineuropa e Freakcinema— "non aparece ningunha traza de auditoría na sede electrónica asociada ao NIF das entidades solicitantes nin aos seus representantes". Ademais, "non consta ningunha incidencia aberta" no servizo de soporte técnico da sede electrónica dispoñible 24 horas (012@xunta.gal), "nin os solicitantes dirixíronse a Agadic para comunicar ningún tipo de incidencia neste sentido".

CONFORME Á LEI

Nun comunicado, Cultura sinala que a convocatoria de subvencións de Agadic "seguiu o establecido na lei de procedemento administrativo", unha normativa de ámbito estatal na que se establece a obriga de presentación telemática de tramitación para todas as persoas xurídicas.

Por iso, Agadic comprobou que só un dos cinco festivais inadmitidos por incumprimento do método de solicitude tentou presentar por vía telemática obrigatoria a solicitude.

Tamén chama a atención sobre que foi unha comisión integrada por expertos independentes a encargada de analizar as propostas admitidas. Con todo, lembra que contra esta resolución todos os festivais teñen á súa disposición a vía ordinaria de reclamación.

Temas: AMTEGA AGADIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta