Por E.P. | A CORUÑA | 25/03/2017 | Actualizada ás 14:21
O secretario de Comunicación do BNG, Rubén Cela, asegurou este sábado, horas antes de que comece a XVI Asemblea Nacional do BNG na Coruña, onde 35 anos atrás naceu este partido, que a organización política á que pertence "corrixirá o que haxa que corrixir" para lograr ser "máis útil", ter unha maior "incidencia práctica" e obter un "maior apoio electoral".
En concreto, o plenario da XVI Asemblea Nacional do Bloque ábrese ás 17.00 horas deste sábado no Palexco coruñés, despois de que os participantes, unhas 2.400 persoas, recollan as súas acreditacións.
"Imos debater intensamente ao longo deste fin de semana sobre en que aspectos acertou o BNG ao longo destes anos, que hai que seguir profundando, e sobre cales hai que mellorar ou corrixir", explicou Cela.
Isto, continuou, comezará este sábado pola tarde co debate de 296 emendas ás teses asambleares. "Ningunha é á totalidade nin hai ningún voto particular", subliñou o secretario de Comunicación do BNG, feito que demostra, na súa opinión, o "bo clima interno" do que goza actualmente o Bloque.
Cela espera que esta asemblea sirva como "auténtico punto de inflexión" para "reforzar cuestións fundamentais", como que en "Galicia ten que seguir existindo unha expresión política propia do nacionalismo sen ningún tipo de atadura con ningún ámbito estatal", así como que o nacionalismo "só se deba ao pobo galego".
Deste xeito, sinalou Cela, esta Asemblea Nacional é o "inicio" dun "proceso de relanzamento e reforzamento do proxecto nacionalista en Galiza", que estará acompañado dunha "substitución xeracional", o cal xa comezou hai un ano, agregou, coa elección de Ana Pontón como portavoz nacional.
Estas declaracións tiveron lugar nun encontro previo con representantes das organizacións políticas e entidades convidadas á súa XVI Asemblea Nacional baixo a lema 'Solidariedade internacionalista, soberanía dos pobos'.
Cela, xunto con Montse Prado e Néstor Rego, ambos responsables da área de Internacional, foron os encargados de recibir ás delegacións convidadas a este encontro previo, que contou, entre outros con representantes do PNV, Bildu e Esquerra Republicana.
Tamén houbo unha ampla representación das forzas de esquerda lusas —Bloco de Esquerdas e PCP—, e doutros territorios de Europa, incluíndo, por primeira vez, á formación de esquerdas de Alemaña Die Linke. Igualmente, representantes do pobo Palestino, de Kurdistán, do Sahara e dos consulados de Cuba e Venezuela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.