Aumenta o número de mulleres en Galicia que denuncian violencia machista

A cifra crece un catro por cento. Máis de tres de cada 10 ordes de protección solicitadas foron denegadas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/03/2017 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

Un total de 5.683 mulleres denunciaron ao longo de 2016 ser vítimas da violencia machista en Galicia, o que supón un catro por cento máis que as 5.210 do exercicio anterior. Por provincias, a maior parte (2.210) rexistráronse en Pontevedra, por 2.193 na Coruña. Por detrás, en Lugo foron 691 e en Ourense, 589.

López Abella no Parlamento
López Abella no Parlamento | Fonte: Europa Press

En paralelo ao aumento das denuncias, o informe anual sobre violencia de xénero en Galicia que este mércores presentou á Cámara a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, recolle tamén que 314 mulleres (un 6% do total) renunciaron a continuar o proceso xudicial. A nivel estatal, esta porcentaxe elévase ata o 12 por cento.

Tras remarcar que ningunha das tres mulleres asasinadas en Galicia en 2016 a mans das súas parellas ou ex-parellas presentara denuncia, deu conta de que a Xunta se personou nun deses casos (no de Santiago non procede, porque o asasino se suicidou; e no de Becerreá, a familia non o autorizou) e que actualmente está presente en 13 xuízos.

Atendendo ao número de vítimas mortais, o descenso interanual en Galicia é de cinco persoas (tendo en conta que en 2015 houbo oito mulleres asasinadas). Por tanto, os labores en Galicia —sétima comunidade con maior número de casos— representan o 6,8 por cento dos asasinatos machistas rexistrados en toda España.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Entre os datos que facilitou o alto cargo do Goberno galego na súa comparecencia parlamentaria está que o número de ordes de protección solicitadas en Galicia en 2016 alcanzou as 1.693 e que as adxudicadas foron 1.134 (un 8% máis que en 2015).

En concreto, A Coruña foi a provincia na que máis ordes de protección se demandaron, 614; seguida de Pontevedra, con 501; Ourense, con 362; e Lugo, con 216.

Tamén aumentaron en sete unidades (ata 29) os dispositivos de alarma concedidos, do mesmo xeito que as altas no programa de atención telefónica Atenpro e no sistema de seguimento Viogén.

INICIATIVAS DA XUNTA

Unha vez expostos os datos, López Abella repasou as distintas medidas do Executivo autonómico para loitar contra a violencia de xénero, con diferentes campañas e programas de sensibilización, concienciación e formación.

Así mesmo, puxo o foco na atención aos máis novos ante o repunte do machismo e nos cursos orientados a profesionais de atención ás vítimas (no ámbito da saúde, do dereito e dos corpos de seguridade).

Tamén citou o combate contra a publicidade sexista (con 39 denuncias desde 2014) e os programas de inserción laboral das vítimas, polos cales o pasado ano accederon a un contrato de traballo 32 mulleres, sete máis que en 2015.

Finalmente, apuntou que o 'salario da liberdade' ten 324 perceptoras, das que o 82 por cento son españolas, maioritariamente teñen entre 36 e 45 anos e case o 60 por cento ten fillos. Así mesmo, 32 delas conta con algunha discapacidade recoñecida.

VISIÓN DOS GRUPOS

Expostas as principais cifras do informe, tomaron a palabra as portavoces dos grupos parlamentarios e, mentres a oposición achegou propostas para seguir avanzando na loita contra a violencia de xénero, a representante do PP no debate, Marián García Míguez, eloxiou o labor da Xunta na materia e cargou contra o resto de forzas.

Con todo, nin Olalla Rodil (BNG) nin Paula Quinteiro (En Marea) nin María Pierres (PSdeG) dedicaron demasiada parte do seu tempo a confrontar con ela, a pesar de lanzarlle algún reproche, e preferiron interesarse por outras cuestións.

Por exemplo, a nacionalista reclamou reforzos de persoal nos xulgados específicos de violencia de xénero na Coruña e Vigo, así como no Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga), á vez que criticou os concertos económicos con colexios que segregan os seus alumnos por sexo.

Pola súa banda, a socialista lamentou que o informe detalle "as mulleres mortas" por violencia de xénero, pois foron "asasinadas"; e pediu tamén que en futuros estudos se identifiquen as motivacións das mulleres que acoden a denunciar, para así poder ofrecerlles máis apoio.

Finalmente, a parlamentaria de En Marea evidenciou as "contradicións" entre os discursos e a acción política da Xunta. Así, reprobou os concertos con centros educativos que segregan por sexo e tamén a "non retirada dos colexios dos panfletos de Hazte Oir", a pesar das campañas en favor da tolerancia coa diversidade sexual.

DESCULPAS E ALCALDES

Na súa quenda de peche do debate, López Abella desculpouse pola nomenclatura empregada no informe sobre "mulleres mortas" e avogou por modificala no futuro.

Tamén concordou con acometer melloras nas dependencias e con reforzar o persoal dos xulgados específicos, pero non se pronunciou sobre os panfletos de Hazte Oir nin sobre a norma que permite financiar a colexios que segregan por sexo.

Por último, criticou a decisión do alcalde de Ponteceso, o socialista Lois García Carballido, de "pechar" o centro de información da muller (CIM), polo que pediu ás deputadas do PSdeG presentes que lle "fagan recapacitar". "E vostedes ao de Noia!", responderon os outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta