Unha investigadora galega describe por vez primeira para a ciencia 12 novas especies de moluscos

María del Carmen Cobo Llovo, investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago, presentou os resultados na súa tese de doutoramento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/04/2017 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

Doce novas especies de moluscos de augas abisais descritas para a ciencia. Esta é a gran contribución que fixo María del Carmen Cobo Llovo, investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A contribución ao coñecemento da biodiversidade dos fondos abisais é dunha importancia capital, pois a pesar de que as partes máis profundas dos océanos se estenden polo 90 por cento de toda a superficie terrestre ocupada polo mar, tan só se explorou un 5% con instrumental remoto e a porcentaxe de mostrexo e estudada con detalle é inferior ao 0.01%. 

Epimenia
Epimenia | Fonte: USC.

Agora, o traballo da USC súmase aos estudos desa parte descoñecida do noso planeta. María del Carmen Cobo Llovo estudou na súa tese doutoral a biodiversidade e distribución zooxeográfica de moluscos solenogastros, con características moi primitivas e especialmente interesantes desde o punto de vista evolutivo.

O traballo ofrece resultados especialmente relevantes, xa que nel se describen por primeira vez para a ciencia doce novas especies cuxa morfoloxía e distribución foron analizadas pormenorizadamente.

Os descubrimentos son o resultado de cinco anos de reconstrución anatómica e estudo zooxeográfico de material procedente das expedicións oceanográficas do buque alemán Meteor nas cuncas abisais de Angola, Guinea, El Cabo, Brasil e Arxentina e é unha cesión da Sociedad Senckenberg para a investigación da Natureza (Frankfurt, Alemaña), fundada en 1817 por Johann Wolfgang von Goethe. 

A tese ‘Distribución anfiatlántica y diversidad del orden Pholidoskepia (Moluscos, Solenogastros) en los fondos del Atlántico Sur (Cuencas Abisales de Angola, Guinea, El Cabo y Brasil)’ obtivo a cualificación de sobresaínte  cum laude e foi dirixida polo profesor José Carlos Otero González.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta