O soño celeste pasa por Bélxica

O Celta gaña 3-2 ao Genk tras remontar con goles de Pione Sisto, Iago Aspas e Guidetti o tanto inicial dos belgas, que marcaron o 3-2 definititivo no segundo tempo. Os do Toto Berizzo buscarán as semifinais, por primeira vez na súa historia, o vindeiro xoves (21.05).

Por gcdeportes | Vigo | 13/04/2017 | Actualizada ás 23:53

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 3:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny; Radoja, Daniel Wass (Jozabed, 78'), Tucu Hernández; Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti (Claudio Beauvue, 66').
KRC Genk 2: Mathew Ryan; Castagne, Brabec, Omar Colley, Uronen; Malinovskyi (Heynen, 92'), Pozuelo, Sander Berge; Boëtius (Buffel, 61'), Trossard (Shrijvers, 81') e Mbwana Samatta.
Goles: 0-1: Boëtius (minuto 10). 1-1: Pione Sisto (14'). 2-1: Iago Aspas (17'). 3-1: John Guidetti (38'). 3-2: Buffel (67').
Árbitro: Clément Turpin (Francia). Amarelas a Castagne (27'), Trossard (73') e Schrijvers (85') nos belgas.
Incidencias: partido de ida dos cuartos de final da Europa League no estadio municipal de Balaídos ante 20.000 espectadores.

Mereceu máis o Celta, sobre todo nun primeiro tempo trepidante, pero encaixou dous goles en dous erros defensivos e ten que conformarse cunha renda mínima para a volta. Boëtius adiantou o Genk no minuto 10, pero reaccionou o Celta con tres goles de Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti en 25 minutos. No segundo tempo, cando os do Toto Berizzo controlaban o choque coa posesión, un erro defensivo de Jonny propiciou o 3-2 definitivo de Buffel. O soño das semifinais europeas pasa por Bélxica.

Os celestes celebran o 2-1 de Iago Aspas.
Os celestes celebran o 2-1 de Iago Aspas. | Fonte: @EuropaLeague

Once de gala nos celestes coa volta de John Guidetti ao once. Presión defensiva e máxima intensidade nos dous equipos, pero na primeira ocasión visitante, o 0-1. No minuto 10, Trossard senta a Fontás na banda e centra dende a esquerda para o remate só e coa testa de Boëtius.

Case non deu tempo a acusar o golpe. Unha recuperación de Radoja en campo contrario, pase a Jonny e este a Guidetti que co calcañar deixou só a Pione Sisto, que definiu ben para o 1-1.
Axiña chegou o segundo. A presión de Guidetti provocou a recuperación de Iago Aspas, que avanzou uns metros e marcou dende o bordo da área cun disparo preciso pegado ao pau.

O Celta superaba unha e outra vez a defensa belga, cun Pione Sisto hiperactivo. De novo Guidetti co calcañar deixou só a Jonny, pero o seu remate foise desviado. Tamén o Genk, con ataques rápidos, levaba perigo á meta de Sergio Álvarez: Castagne, chegando dende atrás, estivo a piques de marcar e ao Sergio Álvarez escapouselle un disparo que a piques estivo de entrar. Pero o Celta era superior, e chegou o terceiro no minuto 38, tras unha parede entre Guidetti e Aspas, que definiu o sueco cun disparo raso. 3-1 ao descanso.

Baixou o ritmo tralo descanso, e o Celta tentou controlar máis o partido para evitar as contras do Genk. Amosouse máis conservador coa pelota o equipo celeste, pero non pasaba apuros. Buscaba a área rival con pausa. O técnico visitante deu entrada a Buffel en ataque, e Berizzo meteu a Claudio Beavue por un esgotado Guidetti. Nunha xogada illada no minuto 67, centro dende a esquerda de Trossard ao segundo pau, erro de Jonny que deixa pasar a pelota e gol coa testa de Buffel na segunda tentativa, tras rexeitar Sergio Álvarez a primeira

John Guidetti, perseguido por Mallo e Aspas, celebra o 3-1 coa afección.
John Guidetti, perseguido por Mallo e Aspas, celebra o 3-1 coa afección. | Fonte: @EuropaLeague

O 3-2 deixou tocado uns minutos o Celta, que pouco a pouco foi retomando a iniciativa, aínda que máis cansos. Unha xogada pola dereita entre Hugo Mallo e Aspas acabou co centro do marinense e un remate do Tucu Hernández que despexou Ryan a córner. Jozabed entrou por Wass. No minuto 79, a pase de Jonny, Iago Aspas estivo a piques de facer o cuarto, pero despexou Ryan a córner. O Celta non tivo folgos para máis, e terá que sufrir en Bélxica o vindeiro xoves (21.05h) para manter a renda dun gol acadada en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por fin un milagre, alguén fala CLARO e sen pelos na lingua e pon no seu lugar a un controlador nato coma é o alcalde de Vigo !!! E tiña que ser Carlos Mouriño quen o fixera, e para máis inri nunha extensa entrevista no Faro de Vigo (o xornal subvencionado por Abel Caballero durante estes 10 anos consecutivos!) // Ninguén dende o mundo da política foi quen de tirar un GOL tan ben tirado coma esta entrevista sobre o Futuro do Celta de Vigo e dos seus afeccionados de toda a vida! (o demáis sonche pamplinas!) http://www.farodevigo.es/celta-de-v... E conste que a min nunca me gustou o fútbol... pero a partires de hoxe vou ir pensando en VOTAR AO CELTA DE VIGO e mandar ao carallo a tódolos demás "caladiños" que votan con Abel & Carmela senon non cobran! Mouriño semella que ten cartos dabondo para falar o que lle pete e dicir verdades coma puños !!!!