Uni Ferrol cede ante o campión

O Star Center ferrolán non tivo opcións ante un Perfumerías Avenida máis fresco e caeu 69-45 no primeiro asalto tan só 48 horas despois de acadar o pase a semifinais. As de Lino López sufriron coa pegañenta defensa rival e cometeron 30 perdas de balón. Esteiro acollerá o martes o segundo encontro.

Por gcdeportes | Ferrol | 15/04/2017 | Actualizada ás 00:42

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Perfumerías Avenida 69:
Silvia Domínguez (7), Givens (20), Alana Beard (6), Milovanovic (10), Erika de Souza (8) –cinco inicial-.Elonu (10), Laura Gil (4), Laura Quevedo (2), Angela Salvadores (2), Marginean (0) e Carmen Miloglav (0).
Star Center-Uni Ferrol 45: Ana Suárez (6), Ani Calvo (10), Shacobia Barbee (12), María Araújo (3), Bea Sánchez (11) –cinco inicial- Patri Cabrera (3), Laquinta Jefferson (3), Vilma Kesanen (0), Paula Cuíña (0) e Carmen Fernández (0).
Parciais: 17-8, 16-11 (33-19), 19-18, 17-8 (69-45).
Árbitros: Carlos García León e Javier Torres Sánchez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Laquinta Jefferson.
Incidencias: primeiro partido das semifinais polo títutlo disputado no pavillón municipal Würzburg ante 2.700 espectadores, entre eles máis de cen afeccionados ferroláns.

Sen apenas descanso e ante o campión e máximo favorito a revalidar o título. O Star Center-Uni Ferrol caeu 69-45 no primeiro partido de semifinais, tan só 48 horas despois de tumbar a IDK Gipuzkoa en Esteiro nos cuartos de final. As de Lino López acusaron o cansazo, a pegañenta defensa rival (con certa permisividade arbitral) e as 30 perdas de balón, e cometeron moitos erros nos lanzamentos (19% en T2). O vindeiro martes, cita en Esteiro para gozar coa afección de toda unha semifinal polo título, e buscar se é posíbel o premio do desempate en Salamanca.

Un parcial de 15-0 sacou as ferrolás do partido. Con triplas de Ani Calvo e Bea Sánchez, Uni Ferrol plantou cara no arrinque a Perfumerías Avenida. Pero a defensa das casteláns, con moitos contactos sen sancionar, atascou o ataque do Uni, que pasou dun 7-8 a un 22-8. Lino López parou o partido con 17-8 ao final do primeiro acto, e de novo con 27-10 no arrinque do segundo. Melloraron as ferrolás e chegaron ao descanso 33-19, tras 4 puntos finais de Ana Suárez.

Máis de cen afeccionados (trala canastra da dereita) acompañaron o Uni Ferrol a Salamanca.
Máis de cen afeccionados (trala canastra da dereita) acompañaron o Uni Ferrol a Salamanca. | Fonte: @CBAvenida

Foi o terceiro o mellor cuarto das galegas. Lino Lópoez tivo que parar o partido con 41-22, e xa 20 perdas nas ferrolás, que reaccionaron tralo tempo morto. Tripla de Ani Calvo e 8 puntos consecutivos de Bea Sánchez, e Uni Ferrol que desperdiciou varias ocasións de deixar en dez a vantaxe. Con 50-37, esgotou un ataque sen tirar (con falta non pitada sobre Ani Calvo) e Givens pechou o cuarto: 52-37. Apenas tivo historia o último: Givens fixo medrar a vantaxe por riba dos vinte puntos (61-40) e ás ferrolás xa non lle quedaban folgos para outra fazaña. Ao final, 69-45, e as xogadoras de Lino López que agradeceron o apoio dos máis de cen seareiros desprazados ata Salamanca. O segundo asalto, martes ás 21.00 horas en Esteiro.

A viguesa María Araújo loita por un rebote con Erika de Souza.
A viguesa María Araújo loita por un rebote con Erika de Souza. | Fonte: @CBAvenida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta