SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2017 | Actualizada ás 12:42 por EUROPA PRESS
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, enunciou este martes que a Xunta está a elaborar un estudo sobre a presenza de amianto en centros escolares e que agarda a súa conclusión para o ano próximo.
En comisión parlamentaria, a preguntas da deputada socialista Patricia Vilán, explicou que este diagnóstico, que se realiza en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), ten por obxecto tanto coñecer a presenza como o estado de conservación deste material.
E é que, como dixo, a súa soa presenza "non indica unha situación de risco", posto que as súas fibras "non se desprenden de forma natural" se se atopa en bo estado. "Non é gas, nin vapor, nin unha sustancia radioactiva", profundou.
Así pois, pediu "non alarmar", mentres deu conta de que en parte da decena de centros nos que anualmente se acometen actuacións de eficiencia enerxética tamén se substitúen as placas de fibrocemento con amianto. "Temos unha folla de ruta", reivindicou, non sen lembrar que o prazo límite fixado pola UE para a súa eliminación é 2032.
ELIMINACIÓN DO AMIANTO
Estas explicacións deunas despois de que a parlamentaria do PSdeG reclamase cumprir coas recomendacións da Valedora do Pobo e pór en marcha un plan de substitución dos materiais con amianto.
"Nun ano", respondeu Oitavén, "non é viable" eliminar todos, tanto polo custo como polo tempo requirido para facelo. Non se fixo tampouco durante o bipartito, proseguiu, a pesar de que "había máis recursos". Ante esa afirmación, Vilán recriminoulle que siga culpando ao goberno liderado por Emilio Pérez Touriño "case nove anos despois" da súa finalización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.