Temas: FECYT CIENCIA

Os galegos, entre os que menos cren na homeopatía, os curandeiros, o horóscopo e a sorte

Unha enquisa da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología mostra que Galicia está entre as autonomías nas que menos se confía nas pseudociencias e solucións 'máxicas'. No lado negativo, somos os que menos sabemos sobre antibióticos. Case un 11% dos galegos e un 12% dos españois cren que o Sol xira arredor da Terra.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 20/04/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os galegos témolo claro: os horóscopos son unha fraude. De feito, somos os cidadáns que menos cren na astroloxía. Tampouco confiamos na pseudociencia homeopática nin cremos nos fenómenos paranormais nin nos números da sorte ou os amuletos. E, malia a crenza estendida de que a nosa é terra de meigas e curandeiros, tampouco confiamos nestes. Así o reflicte a oitava 'Encuesta de Percepción Social de la Ciencia' que realiza de maneira bienal, desde o ano 2002, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT.

A TVG promociona no programa 'A Revista' a un curandeiro de Combarro.
A TVG promociona no programa 'A Revista' a un curandeiro de Combarro.

O informe, de 417 páxinas, arroxa datos moi curiosos que rachan con algunhas creenzas, tópicos e estereotipos sobre os galegos. Non só estamos entre as poboacións menos crédulas coas solucións máxicas para as nosas vidas, senón que ademais tampouco nos atopamos entre os máis desconfiados coas demais persoas. Con todo, se hai algo que nos sitúa nun nivel inferior en alfabetización científica é o noso coñececemento sobre o uso e eficacia dos antibióticos; aí, estamos á cola entre todas as autonomías de España.

Tan só un 0,5% da poboación galega cre nas predicións dos horóscopos, a porcentaxe máis baixa en toda España, onde a media é do 5,5%.

A enquisa da FECYT mostra que, en conxunto, en España, a cidadanía considera de forma moi maioritaria que "non sucede o que prognostican os horóscopos", en concreto, un 83,9%) E sobre isto, os galegos somos os máis desconfiados. De feito, tan só un 0,5% da poboación galega cre nas predicións dos astrólogos. Ocupamos así o último posto, o 17, entre a poboación que máis se fía dos horóscopos. A media estatal de cidadáns que cre nos prognósticos astrolóxicos é do 5,5%.

Curiosamente, os galegos, malia a fama de terra de curandeiros, tampouco nos caracterizamos por confiar nos menciñeiros. De feito, estamos entre os máis desconfiados. Só un 5,9% da poboación galega confía nos curandeiros (posto 14 entre as 17 autonomías). A media estatal é do 8,3%.

E tampouco nos caracterizamos por ser os máis confiados no relativo á homeopatía: só un 17,9% dos galegos cre que os produtos homeopáticos son efectivos (posto 12), fronte á media estatal do 26,0%.

Do mesmo xeito, Galicia é unha das autonomías onde menos xente cre nos números e nas cousas que supostamente dan sorte: un 6,7% de galegos (posto 14), fronte á media estatal do 11,6%. E tamén estamos entre os que menos cren nos fenómenos paranormais: tan só un 6,2% dos galegos aceptan a súa existencia (posto 12), fronte a media estatal do 8,6%.

Por último, respecto ás solucións máxicas para as nosas vidas, se ben a porcentaxe de galegos que cre que a acupuntura funciona (27,7%) é máis alta que nos casos anteriores, tamén estamos por debaixo da media estatal (34,1%), ocupando o décimo posto.

Apenas un 42,8% dos galegos saben que os antibióticos curan infeccións por bacterias, a porcentaxe máis baixa do Estado.

Nos índices de alfabetización científica hai un apartado no que os galegos destacamos como primeiros, pero por ignorancia: somos a poboación con menos coñecemento sobre os antibióticos. O dato é preocupante: tan só un 42,8% dos galegos saben que os antibióticos curan infeccións por bacterias, a porcentaxe máis baixa do Estado, onde a media é do 53,3%.

Tamén estamos un chisco por debaixo da meda estatal en coñecemento sobre xeoloxía, xa que un 75,7% da poboación de Galicia sabe que os continentes sempre estiveron e estarán en movemento, porcentaxe que se eleva até un 78,3% na media estatal.

Pero até aquí as malas novas. Nos demais indicadores de alfabetización científica estamos por enriba da media española. Un 87,9% dos galegos saben que os raios láser funcionan mediante a concentración de ondas de luz, sendo a media estatal do 84,9%. Ademais, un 80,1% de galegos, fronte a un 78,7% de españois, saben tamén que comer unha froita modificada xeneticamente non inflúe nos xenes da persoa que a come.

Sabemos mellor ca media estatal que os humanos nunca conviviron cos dinosaurios e que a Terra xira arredor do Sol.

Entre os datos máis curiosos hai que salientar que sabemos mellor ca media estatal que os humanos nunca conviviron cos dinosaurios (79,7% de galegos fronte a 76,3% de españois) e que a Terra xira arredor do Sol (89,1%  fronte a media estatal do 88,3%). Con todo, sorprende que case un 11 por cento dos galegos cre que é o Sol o que xira arredor da Terra, iso si, menos que a media española.

NON TAN DESCONFIADOS COMO DI O TÓPICO

O estudo acaba tamén co tópico español da desconfianza dos galegos. Á pregunta "Diría vostede que, polo xeral, se pode confiar na maioría da xente, ou que nunca se é o bastante prudente no trato cos demais", os enquisados en Galicia deron resultados sorprendentes para os que gostan de manter tópicos sobre a nosa idiosincrasia.

Os participantes tiveron que situarse nunha escala do 0 ao 10, na que 0 significaba "nunca se é o bastante prudente" e 10, "pódese confiar na maioría da xente". O 7,4% dos galegos respondeu que se pode confiar "moito" (o sexto máis alto entres as autonomías); "bastante", un 23,2% (o noveno máis alto); "algo", un 33,5% (oitavo máis alto) e "pouco ou nada", un 35,9% (o décimo máis alto, empatados cos andaluces). Polo tanto, non somos os máis confiados pero tampouco tan desconfiados e pechados como algúns pretenden seguir mantendo nas crenzas populares.

CAE O INTERESE POLA CIENCIA

Con todo, os datos da enquisa da FECYT mostran unha lixeira caída no interese por temas de ciencia e tecnoloxía entre a poboación galega. Nos últimos anos, ese interese evolucionou dun xeito irregular. Así, aínda que respecto ao ano 2004 (6,4%) aumentou en case dez puntos en 2016 (16,0%), en 2006 foi do 11,7%, en 2008 baixou ao 7,9%, en 2010 volveu subir ao 10,9%, en 2012 seguiu crecendo até o 11,3% e en 2014 caeu de novo até o 8,5%. A porcentaxe actual, do 16%, coloca a Galicia por debaixo da media estatal, entre as oito autonomías con menor interese por estes temas.

O 30,2% dos galegos que se confesan pouco ou nada interesados pola ciencia e a tecnoloxía din que é porque "non o entenden" e o 31,1%, porque "non esperta o seu interese". Tamén hai un 14,2% que di que "non o necesita", un 16,9% que confesa que "nunca pensou sobre ese tema" e un 8,8% que di "non ter tempo" para estes temas.

De igual xeito, Galicia sitúase por debaixo da media estatal no que se refire á participación en actividades relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, fundamentalmente, visitas a museos científicos. A porcentaxe de galegos que realizaron algunha vez no último ano actividades deste tipo é do 13,5%, catro décimas por debaixo da media estatal, situándose Galicia no oitavo posto. Porén, se se contabiliza a frecuencia das visitas a estes museos, Galicia cae ao antepenúltimo posto, con tan só 1,68 veces de visitas ao ano por persoa, cando a media é de 2,22 veces.

A porcentaxe de galegos que pensan que a ciencia e a tecnoloxía aportan máis beneficios que prexuizos é do 51,4%, tres puntos menos que a media española.

As cifras actuais en Galicia sobre actividades relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía están moi lonxe das acadadas en 2006, cando se acadou o pico do 21,7% e unha frecuencia de 2,11 veces ao ano (con todo, a maior frecuencia deuse en 2008, con 2,92 veces ao ano).

Curiosamente, os galegos considéranse mellor informados sobre ciencia e tecnoloxía (2,85 puntos sobre 5) que a media estatal (2,79) e acádase o segundo mellor valor na serie de anos analizados, sendo 2006 o que mostrou a mellor puntuación en Galicia, con 2,99. Con todo, a información de ciencia e tecnoloxía que reciben os galegos non é a mellor valorada, xa que a superan as informacións sobre educación (3,25), medicina e saúde (3,23), alimentación e consumo (3,21), política (3,08) e cine, arte e cultura (3,05).

Porén, a percepción positiva da ciencia e da tecnoloxía entre os galegos mantense por debaixo da media estatal. En Galicia, a porcentaxe de cidadans que pensan que aportan máis beneficios que prexuizos é actualmente do 51,4%, tres puntos menos que a media do Estado en 2016 e dez puntos menos que o pico máis alto acadado en Galicia, en 2006. 

Os galegos asocian principalmente a ciencia e a tecnoloxía co progreso e logo, co benestar, a riqueza, oportunidades, deshumanización, desigualdade, riscos e ameazas, por esta orde.

A de científico é unha das profesións máis valoradas polos galegos, só por detrás dos médicos e coa mesma puntuación cós profesores.

En canto á formación científica recibida, o 45,7% dos galegos considera que recibiu unha educación baixa ou moi baixa, 1,5 puntos por enriba da media estatal, ocupando o sétimo posto en déficit de educación científica e técnica.

Temas: FECYT CIENCIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Nexus 6

¡Qué pena! Con lo propio que es eso de "habelas, hailas". Hay que normalizar as creencias nas meigas cunha política de inmersión obligatoria no ensino a prol do panteón dos celtas

3 galegoexiliado

Os galegos xa temos o Corpiño, o san Bieito...... e centos de santos milagreiros e curandeiros, como pa perder o tempo con aficionados, por moito títalo aniversitario que teñan.

2 Sesees

Somos bastante descreidos

1 non somos expañois

escepticismo celta!

1 nostrus

Supersticiones, manias y creencias hay de todos gustos, incluso hay algunos que "creen" que Galicia es una nacion.