Media ducia e puido ser peor

O Deportivo, que apenas competiu quince minutos na primeira parte, perde 2-6 co Real Madrid e segue sen pechar a permanencia a falla de catro xornadas. Pepe Mel pon en dúbida o rendemento dos seus e ameaza con levar xogadores do Fabril a Pamplona.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/04/2017 | Actualizada ás 00:37

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo 2:
Poroto Lux (Tyton, 46'); Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho; Álex Bergantiños, Guilherme; Carles Gil (Joselu, 57'), Emre Çolak, Kakuta (Navarro, 46') e Florin Andone.
Real Madrid 6: Kiko Casilla; Danilo, Nacho, Varane (Tejero, 87'), Marcelo; James Rodríguez, Kovacic, Isco (Casemiro, 78'); Asensio (Mariano, 78'), Lucas Vázquez e Álvaro Morata.
Goles: 0-1: Morata (minuto 1). 0-2: James (14'). 1-2: Andone (34'). 1-3: Lucas Vázquez (44'). 1-4: James (66'). 1-5: Isco (minuto 77). 2-5: Joselu (minuto 84). 2-6: Casemiro (86')
Árbitro: José María Sánchez Martínez (murciano). Amarelas a Arribas (66') e Joselu (91') no Dépor e a Isco (68') nos visitantes.
Incidencias: partido da 34ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Riazor ante 26.788 espectadores.

Cincuenta segundos e xa perdía. O Dépor mirou para o rival os primeiros vinte minutos, nos que encaixou dous goles que puideron ser seis. Reaccionou con dous en contra, marcou Florin Andone o 1-2 e o empate semellaba posíbel, pero o 1-3 pouco antes do descanso finiquitou o choque. No segundo tempo, outros tres para o definitivo 2-6, tras marcar Joselu coa testa. “Unha derrota dolorosa”, recoñeceu Pepe Mel, que ao final puxo en dúbida o rendemento dalgúns xogadores e amenazou con levar rapaces do Fabril a Pamplona, para a vindeira cita con Osasuna. Cinco derrotas no últimos sete partidos, e só 4 dos últimos 21 puntos: a vitoria ante o Málaga e un empate 0-0 co Granada.

Poroto Lux, que evitou unha malleira máis ampla, detén coa faciana o tiro de Morata.
Poroto Lux, que evitou unha malleira máis ampla, detén coa faciana o tiro de Morata. | Fonte: RCDeportivo

Antes do primeiro minuto, erro defensivo e Morata se planta só ante Lux para facer o 0-1 polo pau curto. O gol deixou groggy ao Dépor, que pasou vinte minutos a mercé do rival, liderado por Isco. Lux detivo dous man a man con Asensio e Morata, e os madridistas remataron dúas veces ao pau, co equipo deportivista perdido e apático. E menos mal que o asistente anulou por fóra de xogo de Marcelo o terceiro dos brancos.

As primeiras novas do Dépor chegaron no ecuador do primeiro tempo, cos disparos de Carles Gil e Guilherme. Lucas Vázquez tivo o terceiro tras un erro de Lux na saída de balón, pero rectificou o meta arxentino. No minuto 32, de novo Lux detivo coa faciana un remate no man a man con Morata. Na xogada seguinte, centro de Juanfran, case o único recurso deportivista en ataque, o balón chega a Kakuta que tira pero saelle un centro perfecto para Andone, que no segundo pau marca o 1-2. Foron os mellores minutos do Dépor, e Carles Gil tivo un disparo que puido ser o empate, pero Kiko Casilla desviou a córner. Nunha contra levada por Isco pouco antes do descanso, centro de Marcelo e Lucas Vázquez marca o 1-3.

No descanso, troco obrigado de Tyton por Lux e Navarro que entra por Kakuta para reforzar a banda esquerda, con Luisinho por diante. O partido igualouse un chisco, pero o Dépor apenas levaba perigo en ataque e seguía a mercé da calidade do rival, moi cómodo con tantos espazos. Nunha contra levada por Asensio, Lucas Vázquez, só ante Tyton, perdonou o cuarto. Mancouse Carles Gil e saiu Joselu, pero axiña chegou o 1-4, no minuto 66, tras unha falta sobre Arribas non sinalada, o segundo de James Rodríguez. E Isco fixo o 1-5 no minuto 77 a pase do coruñés Lucas Vázquez, asubiado por Riazor cada vez que tocaba o balón. Joselu coa testa marcou de novo contra o seu ex-equipo (fixo dous no Bernabéu) e Casemiro fixo o 2-6 definitivo.

A tempada estase facendo moi longa ao Dépor, que aínda non certificou a permanencia (suma 31 puntos, sete máis que o Sporting). Deberá mellorar as súas prestacións en Pamplona para acadar os tres puntos ante Osasuna.

O noveno gol de Andone deu esperanzas ao Dépor na primeira metade.
O noveno gol de Andone deu esperanzas ao Dépor na primeira metade. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta