O Celta cae con dez

O equipo celeste, que sufriu a expulsión do Tucu Hernández no minuto 55, buscou o empate na recta final do encontro pero acabou perdendo 2-1 co Sevilla. Iago Aspas marcou de penalti. O domingo, o Athletic en Balaídos antes da ida da Europa League co Manchester.

Por gcdeportes | Vigo | 27/04/2017 | Actualizada ás 23:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Sevilla CF 2:
Sergio Rico; Mariano, Lenglet, Pareja, Escudero; N'Zonzi, Iborra, Pablo Sarabia (Nasri, 63'), Ganso (Kranevitter, 86'), Correa e Jovetic (Ben Yedder, 75').
RC Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass (Bongonda, 80'); Pione Sisto (Claudio Beauvue, 84'), Iago Aspas e John Guidetti (Roncaglia, 64').
Goles: 1-0: Correa (minuto 48). 1-1: Iago Aspas, de penalti (53'). 2-1: Ben Yedder (79').
Árbitro: Gil Manzano. Expulsou a Tucu Hernández por dobre cartón (16' e 56'). Amarelas a Hugo Mallo (38') e Cabral (60') no Celta e a Pablo Sarabia (26') no Sevilla.
Incidencias: partido da 34ª xornada de Primeira División disputado no estadio Sánchez Pizjuán ante 26.000 espectadores. Tucu Hernández e Cabral, sancionados para o seguinte partido.

Malia xogar con dez os últimos 35 minutos, o Celta acabou o partido na área do Sevilla, buscando á heroica un empate coa rapidez de Bongonda e Beauvue. Non houbo premio, non puido ser, e o equipo celeste caeu 2-1, nun partido no que os de Sampaoli tiveron mellores ocasións, con ata tres remates aos paus. Co once titular que afrontará a eliminatoria ante o Manchester United, centrado dende hai tempo en Europa, o Celta encaixou no Sánchez Pizjuán a cuarta derrota nos cinco últimos partidos de Liga. A tempada do Celta xogarase na Europa League, despois de recibir o Athletic o domingo.  

Iago Aspas pide perdón á afección do Sevilla tras marcar de penalti.
Iago Aspas pide perdón á afección do Sevilla tras marcar de penalti. | Fonte: lfp.es

Foi un primeiro tempo igualado, con moita presión por parte dos dous equipos, que provocaba continuas perdas e recuperacións de balón. O Celta comezou mellor, co control da pelota e unha ocasión nun disparo de Pione Sisto, pero a intensidade local acabou inclinando o dominio para o Sevilla, aínda que sen moitas ocasións claras. A mellor, no minuto 22, tras un centro dende a dereita e o remate coa testa de Iborra ao pau. Jovetic, en loita con Jonny, rematou ao lateral da rede e Sergio Álvarez fixo un paradón a remate de Correa. Antes do descanso, posible penalti nun disparo de Pione Sisto que petou nas mans de Iborra.

O segundo tempo principiou do peor xeito posible, cunha xogada individual de Correa, que ningún celeste puido deter, e que acabou marcando coa esquerda o 1-0 no minuto 48. Pero un penalti absurdo de Escudero, por un agarrón a Guidetti na área pequena, propiciou o empate de Iago Aspas dende os once metros no minuto 53. E igual de absurda que o penalti foi a autoexpulsión do Tucu Hernández, que viu a segunda amarela por unha falta en campo contrario. Berizzzo deu entrada a Roncaglia por Guidetti, adiantandose Hugo Mallo.

Co Celta con dez, o Sevilla fíxose co partido, e achegouse con perigo á meta galega. Tras un erro da defensa celeste, disparo ao traveseiro de Escudero. E no minuto 73, de novo Ganso ao traveseiro, e o rexeite a porta baleira de Iborra foise fóra. Tivo o gol Daniel Wass nunha contra pola dereita de Hugo Mallo, pero o disparo do dinamarqués saiu a rentes do pau. Na xogada seguinte, Nasri chegou ata a liña de fondo e Ben Yedder aproveitou o centro para facer o 2-1.

Berizzo deu entrada a Theo Bongonda e Claudio Beauvue e, malia estar con dez, o Celta foise a polo empate, aproveitando a rapidez dos dous recambios. Tiveron tres os celestes, e Bongonda a mellor, pero coa dereita disparou ao lateral da rede. Os celestes acabaron o choque na área rival, pero non obtiveron o premio do empate. O domingo, o plan B do Celta enfrontarase o Athletic, cos titulares descansando para o choque co Manchester United. Berizzo dixo ao final do partido que o equipo sae "fortalecido" do Sánchez Pizjuán.

Aspas saúda ao Pizjuán tras marcar o empate.
Aspas saúda ao Pizjuán tras marcar o empate. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta