O Dépor adía o obxectivo

O equipo deportivista, de novo sen convicción para gañar, empata 2-2 cun Osasuna que non se xogaba nada e retrasa unha semana máis certificar a permanencia. Guilherme estreouse como goleador e marcou os dous tantos. A vindeira semana, o Espanyol en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 30/04/2017 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Osasuna 2:
Sirigu; Aitor Buñuel (Javier Flaño, 77’), Oier, Steven, Fuentes (Alex Berenguer, 23’), Clerc; Fausto Tienza (De las Cuevas, 77’), Causic, Roberto Torres; Sergio León e Kenan Kodro.
Deportivo 2: Poroto Lux; Juanfran, Raúl Albentosa, Arribas, Navarro; Guilherme, Celso Borges; Bruno Gama (Ola John, 61’), Emre Çolak (Carles Gil, 79’), Luisinho (Marlos Moreno, 88’) e Florin Andone.
Goles: 1-0: Steven (minuto 4). 1-1: Guilherme (18’). 1-2: Guilherme (70’). 2-2: Juanfran, en propia meta, 78’).
Árbitro: Hernández Hernández (canario). Amarelas a Guilherme (2’), Raúl Albentosa (75’) e Arribas (91’) no Dépor e a Aitor Buñuel (12’) e Oier (16’) en Osasuna.
Incidencias: partido da 35ª xornada de Primeira División disputado no estadio El Sadar ante 12.294 espectadores, con arredor de 700 seareiros deportivistas.

Guilherme celebra un dos seus goles no Sadar.
Guilherme celebra un dos seus goles no Sadar. | Fonte: lfp.es

Haberá que agardar unha semana máis pola permanencia matemática do Dépor, que só puido empatar 2-2 ante Osasuna, pechacancelas xa descendido que non se xogaba nada máis que a honra. Arrincou outra volta durmido o Deportivo e encaixou un gol tempraneiro, remontou con dous tantos de Guilherme, pero encaixou o 2-2 a balón parado e case acabou pedindo a hora. Navarro evitou baixo paus o terceiro dos navarros. O Dépor suma 32 puntos, oito máis que o Sporting, e só lle falta un para festexar a salvación.

Malia a ameaza de Pepe Mel, o Dépor saiu cos habituais, con Luisinho por diante de Navarro na banda esquerda, pero antes do minuto 5, xa perdía, tras un gol do defensa Steven no rexeite dun córner. E incluso Kenan Kodro puido facer o segundo nunha xogada individual na área, ante a pasividade defensiva dos coruñeses. Co paso dos minutos, o Dépor igualou o encontro, e sen apenas méritos obtivo o empate, tras un centro de Juanfran que tras botar na área pequena chegou ao segundo pau, onde Guilherme aproveitou para facer o 1-1 coa testa. O partido era aberto, sen un dominador claro, pero o Dépor gozou das mellores ocasións antes do descanso para adiantarse. Unha de Florin Andone coa esquerda tras un erro defensivo que se foi desviada e a mellor, tras un cambio de xogo de Luisinho para Juanfran, quen controlou coa testa e rematou en parábola ao traveseiro por riba da saída do meta rival.

O Dépor tentou adiantar as liñas de presión no arrinque do segundo acto, pero axiña viuse superado pola intensidade de Osasuna, que semellaba xogarse máis que os deportivistas, e achegouse á meta de Lux con disparos de.Causic e Sergio León. Pepe Mel deu entrada a Ola John por un desaparecido Bruno Gama e no minuto 70, marcou de novo Guilherme: centro á área, Raúl Albentosa remata coa testa no segundo pau e o brasileiro toca coa viqueira da bota na área pequena para adiantar o equipo coruñés a falla de vinte minutos.

Pero o Dépor non soubo pechar o encontro, e encaixou de novo tras unha xogada a balón parado no minuto 78: córner que non despexa a defensa e Juanfran marca en propia meta no segundo pau cando tentaba despexar. Entraron Carles Gil e Marlos Moreno, pero foi Osasuna quen estivo a piques de marcar o terceiro, menos mal que Navarro despexou na liña de gol o remate de Kenan Kodro. Ao final, 2-2, un punto máis cara a salvación e un partido menos para acabar unha tempada decepcionante. A falla de tan só un partido a domicilio, o Dépor sumou tan só 9 de 54 puntos lonxe de Riazor: unha vitoria e seis empates. A vindeira semana, o Espanyol en Riazor; logo visita ao Vilarreal e peche de curso co As Palmas.

Os deportivistas agradecen o apoio, unha vez máis, da súa afección no Sadar.
Os deportivistas agradecen o apoio, unha vez máis, da súa afección no Sadar. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta